publicidade hoxe

A Xunta investiu máis de 4 millóns de euros en obras de conservación e restauración da Muralla de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+
José Manuel Balseiro en Lugo

José Manuel Balseiro en Lugo

O Goberno galego leva investidos desde 2009 máis de 4 millóns de euros en obras de conservación e mantemento da Muralla de Lugo. Así o explicou esta mañá, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, na súa visita ao ben Patrimonio da Humanidade, na que fixo balance e explicou o programa de actuacións previstas neste monumento para os vindeiros meses.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria intensifica as intervencións na Muralla lucense e, tal e como anunciou recentemente, prevé actuar noutros catro cubos nos vindeiros meses. O obxectivo é manter o compromiso coa posta en valor dun dos símbolos máis representativos da provincia Lugo e de toda Galicia, ademais dunha aposta clara en apoio do destacado patrimonio cultural e histórico da cidade bimilenaria.

Na súa visita á Muralla o delegado territorial estivo acompañado pola xefa provincial do Servizo de Coordinación da Área Cultural, María José Gómez, e de varios edís lucenses, ademais dos técnicos da Xunta que supervisan os distintos traballos que se desenvolven no monumento.

Actuacións en catro cubos

Desde os cubos LXX y LXXI, situados no entorno do Edificio Administrativo da Xunta, Balseiro explicou que serán obxecto de intervención nos vindeiros meses, despois de que se licitase o contrato o 27 de xaneiro por un importe de 258.000 euros.

Igualmente, a Consellería licitou hai uns días as obras de restauración dos cubos XIX e LXXX situados, o primeiro deles nas proximidades da Porta Miñá, e o segundo preto da porta de San Fernando. Neste caso, o orzamento de licitación do contrato ascende a 446.212 euros divididos en dúas anualidades

Os cubos LXX y LXXI presentan humidades na base e varias gretas de trazado vertical, que estaban sendo debidamente controladas. A proposta de intervención consiste no baleirado dos cubos demolición das lousas de formigón, execución dun novo sistema estrutural a base de muros e contrafortes de lousa e novo pavimento de acabado.

Os cubos XIX y LXXX tamén presentan fisuras que favorecen as filtracións de auga que afectan á súa estabilidade. A intervención neste último é moi similar á xa descrita nas outras zonas de actuación, mentres que no cubo XIX prevese a reconstrución do muro de cachotaría de lousa e a súa impermeabilización.

Así mesmo, o Goberno galego prevé executar ao longo do ano tarefas de conservación preventiva necesarias na Muralla e os tratamentos fitosanitarios que correspondan. Recóllense todos os traballos precisos, como as excavacións arqueolóxicas, e en concreto, as tarefas relacionadas co coidado das especies protexidas que habitan na Muralla, como os cirrios e os morcegos.

Ao respecto, cabe subliñar que dende hai algúns días están restrinxidas certas tarefas de mantemento -como a limpeza de vexetación- porque xa chegaron os primeiros exemplares de cirrios que nidifican no monumento durante a primavera.

Por outra banda, o delegado lembrou que a Consellería de Cultura e Educación continúa agardando desde o pasado mes de setembro a que o Concello de Lugo dea a súa conformidade para continuar cos traballos en torno ao túnel descuberto con motivo das obras no Cubo VI.

Plena integración do monumento

O delegado territorial subliñou a importancia deste monumento tan singular e único, plenamente integrado na cidade para o goce dos veciños e visitantes.

Ao respecto, tamén quixo poñer en valor algunhas das últimas intervencións realizadas pola Xunta como son a instalación dun ascensor e un rampla que melloran a accesibilidade ao adarve da muralla, a citada restauración do cubo VI, e da Porta Miñá, unha das entradas máis fotografadas da cidade.

4 de maio de 2017 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.