publicidade hoxe

A Xunta incrementa nun 10% as axudas para mellorar infraestruturas e servizos nos parques empresariais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Corgo
A-
A+
Balseiro na visita ao polígono do Corgo

Balseiro na visita ao polígono do Corgo

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que a Xunta de Galicia reforzou o apoio aos parques empresariais incrementando nun 10,4% o orzamento do programa para a mellora de dotacións e servizos, que alcanza os 4.197.000 euros.

Balseiro realizou estas declaracións durante a visita que realizou ao polígono do Corgo, que se dotou dun novo acceso polo norte ao conectar a vía principal cunha estrada de titularidade municipal. A Consellería de Economía, Emprego e Industria achegou no pasado exercicio 70.950 euros para as obras a través deste programa de axudas.

O delegado explicou que esta nova rúa “procura maior fluidez e seguridade para o tráfico de persoas e mercancías” e incidiu no interese da Xunta por habilitar “as mellores infraestruturas nos parques industriais para favorecer a instalación de empresas que dinamicen o tecido produtivo e xeren postos de traballo”.

O proxecto impulsado no Corgo consistiu na urbanización dunha rúa de 75 metros de largo e 20 metros de ancho. Consta dunha calzada cun carril en cada sentido, e en cada marxe hai prazas de aparcadoiro en liña, beirarrúa e unha franxa de céspede.

Leváronse a cabo diversas actuacións no novo vial: explanación, a execución de diversos servizos (abastecemento, telefonía, media e baixa tensión, gas, alumeado público, pluviais e residuais), afirmado e pavimentación e sinalización horizontal e vertical.

O delegado destacou o dinamismo deste parque empresarial, de 145.000 metros cadrados de superficie, estratexicamente situado xunto a autovía A-6, que neste momento ten todas as parcelas vendidas.

Balseiro apostou por “mellorar as infraestruturas para incrementar a competitividade dos polígonos industriais, completando unha oferta de servizos e dotacións que resulte atractiva para o establecemento e o crecemento de proxectos empresariais”.

O programa da Consellería, que está en fase de valoración das solicitudes, financia aos concellos a execución de obras nos parques empresariais que impliquen a dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía e a implantación de melloras no alumeado público, dos que se derive un aforro con relación aos existentes no parque e que sexan eficientes desde o punto de vista enerxético; a posta en marcha de novas plantas de depuración de auga; a xestión de residuos; infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao parque empresarial; a colocación de sistemas de seguridade e vixilancia; instalacións comúns destinadas á loita contraincendios dentro do parque empresarial; e, como novidade nesta convocatoria, a instalación de sistemas contra o roubo de cable.

9 de maio de 2017 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.