publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta incrementa as axudas para accións silvícolas de posta en valor do monte e prevención de incendios ata os 11,25 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación da dotación orzamentaria ata os 11,25 millóns de euros das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais.

O incremento do orzamento faise para atender as solicitudes recibidas e cífrase en 3.750.000 euros, dos que 750.000 corresponden á anualidade 2017 e os 3 millóns de euros restantes ao ano 2018. Deste xeito, os fondos totais destinados pola Consellería do Medio Rural a estas achegas pasan de 7,5 a 11,25 millóns de euros.

Estas axudas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR 2014-2020). Teñen como obxectivos a mellora silvícola das masas forestais existentes, con especial atención á consolidación dos bosques de frondosas caducifolias e sobreiras e o aumento da superficie forestal arborizada. Tamén, a obtención de montes con producións elevadas e de calidade suficiente que posibiliten o desenvolvemento da industria de transformación da madeira, a consolidación de aproveitamentos complementarios e a promoción da silvicultura de xeito que contribúa como fonte de xeración de emprego das persoas que viven no rural.

Beneficiarios

Os posibles beneficiarios destas axudas son as sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de forma individual e as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta. Así mesmo, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.

15 de maio de 2017 | 16:10 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario