publicidade hoxe

A Xunta incide na necesidade de incrementar a reciclaxe e fomentar o consumo responsable en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou hoxe a importancia da sensibilización da cidadanía sobre a importancia de adoptar comportamentos e hábitos de consumo que contribúan a reducir os residuos e a alongar a vida útil dos produtos. Díaz Mouteira visitou o tráiler expositivo da campaña itinerante Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclemos mellor, instalado no Xardín do Posío, e que permanecerá ata o vindeiro sábado co fin de chamar a atención do público sobre a necesidade de preservar o medio ambiente mediante unha participación activa no sistema de recollida selectiva.

Díaz Mouteira, acompañada pola xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Victoria Núñez, e polo concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Araujo, acudiu ata esta zona onde o departamento dirixido por Beatriz Mato desenvolve esta iniciativa en colaboración con Sogama e Ecoembes. A delegada territorial explicou que, ademais da instalación dun tráiler expositivo, esta campaña ofrece diversas actividades lúdico-didácticas a través das cales persoal especializado formará e informará ao público sobre a correcta separación dos residuos domésticos e os hábitos e comportamentos que poden adoptar para incrementar as taxas de reciclaxe, prolongar a vida útil dos produtos e fomentar a economía circular.

Neste sentido, Díaz Mouteira explicou que, mediante esta campaña itinerante, preténdese proporcionar á cidadanía pautas para realizar un consumo responsable, alongar a vida útil dos produtos a través da súa reutilización e reducir a xeración de residuos. Igualmente, se facilitan ferramentas para a correcta segregación dos residuos por tipoloxías e depositalos nos contedores correspondentes.

O tráiler trasladarase o venres e o sábado ata a praza de Pontevedra, mentres que bicicletas con publicidade percorrerán distintas zonas da cidade como o campus, a Alameda e o parque de San Lázaro.

3 de maio de 2017 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.