publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta estenderá a educación dixital a 10.000 alumnos o vindeiro curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aposta da Xunta por estender a educación 100% dixital a ata 10.000 alumnos o vindeiro curso 2017-18. “Isto supón que se incorporen ao ensino plenamente dixital 2800 alumnos máis que os 7.200 que o reciben hoxe nos 107 centros que xa empregan o libro dixital”, dixo.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que para acadar este obxectivo a Xunta adquirirá ata 22.000 portátiles durante os dous vindeiros anos, para os alumnos e profesores dos centros que se integren nesta iniciativa. Con esta finalidade se investirán máis de 11 millóns de euros, dun total de 27 millóns para a dixitalización da educación.

Así mesmo, o acordo recolle un servizo de soporte premium as 24 horas durante os sete días da semana, tanto en liña como telefónico. Tamén habilitará puntos de soporte presencial nos propios centros, para atender calquera eventualidade que poida suceder cos equipos.

Durante a rolda de prensa do Consello, o titular da Executivo autonómico subliñou que, dentro da aposta por un ensino 100% dixital, este ano convocarase un novo concurso público para contar con novos provedores de contidos, ademais dos dous que traballan xa co Ensino galego.

Paralelamente, poñerase en marcha un espazo de creación de contidos dixitais para que as empresas TIC e audiovisuais poidan facilitar aos docentes servizos para crear contidos dixitais. Para reforzar o atractivo destes servizos para os profesores, deseñarase un plan de formación específico nos propios centros que estará á disposición dos docentes. Complementarase cun plan de acompañamento para as familias sobre cultura dixital.

Por último, no referente á conexión a Internet dos centros de ensino, Feijóo destacou o obxectivo de que ao rematar 2018 todos os centros teñan unha velocidade de conexión mínima de 100 Mbps, fronte ao 40% dos centros que dispón neste momento desa velocidade.

Unha vez cumpridas estas metas, o presidente da Xunta afirmou que se iniciará o camiño para, en 2020, estender este sistema tamén a terceiro da ESO. “Os portátiles para alumnos e profesores, a creación de novos contidos dixitais, a formación continua para docentes e familias e a mellora da conectividade dos centros son as catro patas da futura Estratexia de educación dixital 2020”, indicou, facendo fincapé en que esa será a folla de ruta neste ámbito para o que queda de década.

18 de maio de 2017 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.