publicidade hoxe

A Xunta destaca o impulso á RSE, igualdade laboral e conciliación tras incrementar nun 36% as axudas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Lalín a empresa Proquideza que recibiu o pasado ano o apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a certificación de sistemas de xestión en seguridade e saúde no traballo, a través das axudas destinadas a fomentar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE).

Toca explicou que precisamente hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria para este ano destes incentivos aos que o Goberno galego destina máis de 800.000 euros, un 36,2% máis que en 2016 para impulsar a implantación de sistemas de xestión de RSE, plans de igualdade laboral e medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral nas pemes e micropemes galegas.

O prazo de solicitude ábrese mañá ata o próximo 5 de xuño. Poderán financiarse as accións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2017.

A convocatoria establece tres liñas de axudas. Para a implantación da RSE apoiarase a obtención de certificacións ou de informes de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares neste ámbito financiando o 100% dos custos do proceso de certificación ou verificación, cun máximo de 2.500 euros por empresa.

Así mesmo, apoiarase a obtención de certificacións de plans de igualdade cunha axuda de 2.000 euros por empresa que certifique a implantación dun plan deste tipo e, en terceiro lugar, para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal establécense incentivos para o fomento do teletraballo e flexibilidade horaria con axudas de 3.000 euros por persoa traballadora beneficiada con límite máximo de 12.000 euros por empresa. Este incentivo incrementarase en 1.000 euros para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa, polo menos, igual que a masculina.

Economía, Emprego e Industria tamén dispón de axudas para a adquisición de elementos tecnolóxicos que faciliten o teletraballo, subvencionándose ata o 80% do investimento co tope de 1.500 euros por persoa traballadora beneficiada e co límite máximo de 5.000 euros por empresa. A intensidade desta axuda verase incrementada nun 10% para aquelas empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa, cando menos, igual á masculina.

A secretaria xeral de Emprego sinalou que estas axudas forman parte da Axenda 20 para o Emprego e é unha das actuacións previstas para este ano en materia de RSE poñendo en valor a aposta da Xunta pola aplicación da RSE nos procesos produtivos e nas políticas sociais da empresa.

Lembrou que Galicia é pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar “un verdadeiro emprego estable e de calidade”. De feito, foi en 2012 unha das primeiras comunidades en poñer en marcha un plan específico de RSE.

Na actualidade, tamén no marco da Axenda 20, a Xunta está a traballar nun novo Plan Estratéxico nesta materia que será “un acordo marco sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e que promoverá na negociación colectiva medidas de RSE, igualdade e conciliación”, engadiu.

A secretaria xeral indicou que as empresas, como Proquideza, que implantan políticas de RSE son máis competitivas e desenvolven produtos e servizos de maior valor. Esta compañía, instalada en Lalín, deseña, fabrica e comercializa especialidades químicas centradas nos ámbitos agroalimentario, alimentario e industrial, sectores aos que aportan solucións específicas dentro do sector da hixiene.

Toca, ademais, puxo en valor o proxecto de I+D Extractus para o desenvolvemento de desinfectantes con materiais naturais que leva a cabo en colaboración con outras empresas. Este proxecto ten permitido que a casca da castaña, as landras ou os restos de poda de especies autóctonas se convertan en fonte de creación de desinfectantes que se utilizan na limpeza das ubres ou incluso en produtos de limpeza para o chan industrial. A secretaria xeral salientou, ao respecto, a aposta da Xunta polo desenvolvemento de proxectos innovadores.

Par rematar, indicou a importancia de fortalecer o impulso da RSE nas pemes para aumentar a súa competitividade e lembrou que as empresas con éxito son aquelas que unen o seu crecemento económico ao benestar social.

3 de maio de 2017 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.