publicidade hoxe

A Xunta desbroza as marxes de 1.550 quilómetros de estradas para mellorar a seguridade viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, acomete os traballos de limpeza de marxes e de renovación da sinalización horizontal das estradas da rede autonómica na provincia. Está previsto que a meirande parte das vías estean limpas a mediados do mes de xullo.

As actividades de mantemento, desbroce e segado da vexetación nas marxes das estradas iniciáronse na última semana de abril, empezando nas zonas onde a vexetación, por particularidades climáticas ou biolóxicas, presenta un estado máis avanzado. Actuarase sobre os máis de 1.550 quilómetros que completan a rede autonómica de estradas na provincia de Lugo.

Deste xeito, increméntase a seguridade na circulación ao mellorar as condicións de visibilidade e diminuír a presenza de materia potencialmente esvaradiza; optimiza a capacidade de evacuación dos sistemas de drenaxe da estrada (cunetas, tubos…), evitando estancamentos por vexetación; favorece a percepción da irrupción de animais na calzada con maior antelación, permitindo dispoñer dun maior tempo de reacción ao condutor para evitar posibles colisións; e ademais, o aspecto limpo disuade de posibles verquidos incontrolados.

Trátase sobre todo de desbroces e repintados que deben facerse durante esta época, cando xa xerminaron as especies herbáceas, con tempo seco. A limpeza das cunetas incrementa, ademais, a efectividade da estrada como cortalume en caso de incendio.

A renovación da sinalización horizontal consiste, na súa parte fundamental, no repintado das marcas viarias. Nesta campaña está previsto o repintado de algo máis de 323 quilómetros de estrada. A medida que a climatoloxía o foi permitindo, xa se iniciaron os traballos nalgunhas das estradas (como na VG-2.1 ou a LU-546, entre outras).

30 de maio de 2017 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.