publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta crea Unidades de Asesoramento e Xestión de Explotacións Agrarias para que os gandeiros retirados poidan poñer á disposición doutros as súas terras e instalacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello o inicio da tramitación do decreto que creará e regulará as Unidades de Asesoramento e Xestión de Explotacións Agrarias. Un órgano que mediará entre gandeiros e agricultores para que aqueles que decidan cesar da súa actividade poñan á disposición doutros profesionais as súas terras e outros activos, como as construcións e equipamentos que tiveran esas granxas en activo.

Feijóo afirmou que esta iniciativa pretende evitar o abandono de terras e instalacións, ao tempo que aumenta a base territorial doutras granxas, facéndoas máis grandes e competitivas.

Co obxectivo de que haxa unha Unidade en cada provincia, o presidente do Goberno galego explicou que o primeiro paso para a súa creación será incorporar ao Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia un novo apartado denominado Sección de explotacións susceptibles de intermediación. “Deste modo, teremos de xeito permanente unha plataforma que detecte e facilite o contacto entre os propietarios de parcelas agrícolas que o deixan e aqueles que queren ampliar”, dixo, ao que engadiu que ademais de actuar a instancia dos interesados, a Xunta actuará tamén de oficio.

Sobre este punto, subliñou que a primeira encomenda das Unidades será realizar un rastrexo das explotacións que se atopan nesta situación, relacionando os bens mobles e inmobles e todos os elementos que poderán pasar a formar parte da dita sección.

Unha vez detectadas esas explotacións, proporase aos titulares a inclusión no listado de activos que se poidan poñer á disposición daqueles outros propietarios que precisen máis terras ou algún elemento da antiga explotación. Así, as persoas interesadas no arrendamento ou adquisición de explotacións agrarias terán un instrumento público que lles permitirá coñecer qué explotacións agrarias poden ser compradas ou arrendadas.

“Botamos a andar, polo tanto, un instrumento que debería estar posto en marcha nuns cinco meses e que pode ser moi útil para que as explotacións que pechen poidan seguir tendo vivas as terras e os activos que sexan aproveitables; e para que as explotacións que seguen a funcionar poidan ter opcións de facerse máis grandes e máis competitivas”, precisou.

11 de maio de 2017 | 17:20 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario