publicidade hoxe

A Xunta avoga por seguir completando as reformas para garantir unha administración eficaz, eficiente e transparente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Xornada "A boa Administración e o Dereito Administrativo"

Xornada “A boa Administración e o Dereito Administrativo”

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou hoxe a xornada “A boa Administración e o Dereito Administrativo”, que tivo lugar na Facultade de Dereito da Coruña coa participación de preto de 50 persoas, onde definiu a boa administración como “unha administración, eficaz, eficiente e transparente”.

Para consolidar este modelo, sinalou, “fan falta reformas que xa se iniciaron e deben completarse. É o caso do funcionamento telemático das administracións, os procesos de reestruturación e reorganización do emprego público, a adopción dunha nova normativa para actualizar o réxime xurídico xeral das administracións españolas e a implantación de medidas dirixidas a garantir a transparencia de todo o público”.

Nesta liña, a directora da EGAP, sinalou que a Xunta de Galicia “vén fomentado a administración electrónica e a racionalización da xestión interna, acometeu un proceso de reorganización do seu sector instrumental para eliminar duplicidades funcionais e orgánicas, instaurou un portal de transparencia accesible a tódolos cidadáns con información sobre as funcións que competen á Administración autonómica e as persoas responsables das mesmas”.

Durante a xornada, destacados especialistas en Dereito administrativo debateron sobre cómo debe ser unha boa administración nun Estado social e democrático de Dereito que garanta o principio de actuación administrativa, a obriga inherente aos poderes públicos e o dereito fundamental da cidadanía, tal e como recolle o artigo 41 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea do 7 de decembro de 2000. O xuristas analizaron, ademais, distintos ámbitos de actuación administrativa, especialmente, a contratación pública.

Na inauguración tamén participaron o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña e director do curso, Jaime Rodríguez-Arana, a secretaria territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Patricia Rodríguez Franco, e o decano da Facultade de Dereito, José Antonio Seoane. Patricia Rodríguez e o profesor Jaime Rodríguez-Arana coincidiron en destacar na importancia esencial da xornada e do tema que se tratou e resaltaron que a boa administración “é un dereito fundamental dos cidadáns”.

De seguido, Jaime Rodríguez-Arana ofreceu a conferencia inaugural baixo o título A proxección da boa administración e o Dereito administrativo contemporáneo. A continuación, interviu o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Almería e vicepresidente do Instituto de Dereito Europeo da Regulación Económica, Íñigo del Guayo Castiella, que falou sobre A boa administración e os servizos públicos.

Ao final da mañá tivo lugar unha mesa redonda sobre O dereito á boa administración na contratación pública, que estivo moderada pola profesora de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, Almudena Fernández Carballal.

Pola tarde participarán na xornada formativa o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, Javier Sanz Larruga, cun relatorio sobre A boa administración e o medio ambiente, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, que clausurará a xornada.

16 de maio de 2017 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.