publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta avanza no desenvolvemento da Lei de xuventude a través III Foro Aberto do Tempo Libre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ven de abrir o prazo de inscrición no III Foro Aberto do Tempo Libre, que terá lugar o vindeiro sábado 20 de maio no Centro de Novas Tecnoloxías da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en Santiago de Compostela. Deste xeito, as persoas interesadas en participar poderán anotarse ata o vindeiro luns, 15 de maio, a través da web http://xuventude.xunta.gal . Así mesmo, e para aquelas que non poidan acudir a esta xornada pero queiran participar nesta experiencia participativa, a Xunta de Galicia ten habilitado unha caixa de correo electrónico decreto.xuventude@xunta.gal , creado especificamente para este fin, e a través do que poderán facer as súas achegas.

O III Foro Aberto de Tempo Libre é un espazo de traballo para a elaboración do novo decreto de desenvolvemento da Lei de xuventude, e vén precedido por cinco xuntanzas de traballo levadas a cabo en Ourense, Lugo, A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, nas que arredor de 100 técnicos de xuventude, informadores xuvenís, escolas de tempo libre, monitores e directores, entre outros, debateron en torno a un primeiro borrador de decreto elaborado pola Dirección Xeral de Xuventude. Froito deste traballo conxunto, a Administración autonómica agarda contar cun texto froito do consenso que aborde cuestións tan importantes como os programas formativos e as titulacións válidas para a educación no tempo libre, os requisitos das instalacións xuvenís ou as especializacións na formación dos profesionais, co fin de garantir unha atención adaptada ás necesidades das persoas e outras realidades que foron xurdindo e que non están recollidas na normativa vixente.

Neste senso, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, aseguraba que “na Xunta de Galicia somos conscientes da importancia de coñecer e contar coa opinión, inquedanzas e necesidades dos distintos axentes implicados nos ámbitos obxecto da regulación e con este III Foro aberto do tempo libre se porá fin á primeira fase deste proceso de participación cidadá na elaboración da normativa”. E, ao fío, explicaba que no transcurso desta xuntanza, se trasladarán as conclusións das distintas sesións celebradas e se constituirán grupos de traballo para avanzar na redacción dos principais sectores obxecto de regulación: a información xuvenil, a formación da xuventude, as actividades xuvenís e as instalacións xuvenís.

9 de maio de 2017 | 18:19 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario