publicidade hoxe

A Xunta autoriza o uso temporal das instalacións do albergue xuvenil das Sinas ao concello de Vilanova de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilanova de Arousa
A-
A+
José Manuel Rey Varela na visita ás instalacións do albergue das Sinas

José Manuel Rey Varela na visita ás instalacións do albergue das Sinas

A Xunta de Galicia autorizou o uso temporal das instalacións do albergue xuvenil As Sinas ao concello de Vilanova de Arousa. Así o informou esta mañá o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, durante a súa visita ás instalacións sitas en dita localidade e na que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e polo alcalde, Gonzalo Durán.

O obxectivo desta concesión temporal responde á necesidade de aproveitar de xeito eficiente estes espazos e de facilitar o seu uso á mocidade. Deste xeito, a Administración autonómica brinda o seu apoio ás administracións locais nas que se emprazan as distintas instalacións, permitindo o seu uso regulado e en atención a que as actividades para as que se solicita o uso temporal satisfarán intereses públicos e non interferirán nas actividades propias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

O titular autonómico indicou que se trata de instalacións nas que se prestan distintos servizos á xuventude galega e nas que o seu período de actividade coincide coa Campaña de Verán da Xunta de Galicia, durante a cal estes centros funcionan a pleno rendemento. Así mesmo engadiu que “con acordos coma os que temos con Vilanova de Arousa, Bergondo e Sada, as administracións autonómica e locais facemos un uso máis racional e eficaz dos recursos públicos en prol da xuventude”, asegurou Rey Varela.

A autorización de uso para o Concello de Vilanova de Arousa estará vixente ata o 30 de xuño e do 1 de outubro ao 31 de decembro do 2017 e grazas a ela, desenvolveranse actividades e programas dirixidas á poboación xuvenil, o que comprende a escola municipal de música, actividades deportivas, actividades culturais e de animación, intercambios con mozos e mozas doutras nacionalidades ou cursos de formación entre outros.

En virtude desta cesión temporal, o concello subscribirá unha póliza de seguro de todo risco, de perdas e danos materiais e de aseguramento de responsabilidade civil por posibles danos a terceiros. Así mesmo, comprométese a asumir unha contraprestación económica polos gastos de auga, luz, gas, calefacción ou calquera outro derivado do uso dos locais cedidos.

8 de maio de 2017 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.