publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A veda do polbo en Galicia comezará este 19 de maio e rematará o 3 de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A veda do polbo en Galicia comezará mañá e rematará o 3 de xullo de 2017. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2017/2018, que establece o período de veda do polbo para este ano dende entre as 16:00 horas do venres, 19 de maio ata as 05:00 horas do luns, 3 de xullo.

As capturas desembarcadas o 19 de maio poderán ser comercializadas tamén o 20 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.

O período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura de polbo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. Este tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas acadadas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan de experimental do polbo, co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.

Plan 2017-2018

A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para o vindeiro ano, que entra en vigor mañá e que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este plan, a partir do día 3 de xullo –data na que remata a veda- ata o 30 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilogramos día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos día. No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos/día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilogramos/día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06:00 horas –aínda que poden saír do porto ás 05:00h- e finalizará ás 16:00 horas e o descanso semanal desenvolverase dende as 16:00 horas do venres ata as 6:00 horas do luns. O número de nasas permitido está en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados.

En canto ao réxime de calamento das nasas de Cabo Silleiro a Corrubedo os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de Cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 25 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. Na zona de Con da Aguieira a Cabo Corrubedo ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano seguinte, as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.

A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control, levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías e os servizos contratados ao efecto.

18 de maio de 2017 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.