publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A praza do Obradoiro acollerá o 4 de xuño a I Carreira de Obstáculos pola Integración

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá no Pazo de Raxoi a I Carreira de Obstáculos pola Integración, que se celebrará na praza do Obradoiro o domingo 4 de xuño. Na rolda estivo acompañada polo director territorial de Caixabank en Santiago, Antonio Lema, e pola presidenta da Fundación Abrente, Carmen Touza.

Noa Morales fixo fincapé na relevancia social que ten esta proba que conxuga deporte e integración. É ademais “a primeira vez que se fai unha carreira destas características, con obstáculos, en un entorno como apraza do Obradoiro”.

Os representantes das entidades colaboradoras darán a saída a esta iniciativa, que se celebrará por primeira vez na capital galega, pero que xa conta cun importante percorrido nas outras cidades de Galicia.

Desenvolvemento da carreira

O evento comezará e rematará na praza de Obradoiro. As persoas participantes percorrerán un total de 2,5 km polos arredores da praza, superando 12 obstáculos: salto de pneumáticos, guerra de auga, guerra de fariña, tubaxes, balóns de humor amarelo, casiña, túnel do terror, baño de espuma, xogo da oca, corpo a terra, labirinto de cordas e photocall canalla.

Ao tratarse dun evento lúdico, onde o importante é participar e pasalo ben, non se entregarán premios aos primeiros ou primeiras en chegar, senón que todos os participantes levarán unha camiseta e uns agasallos simbólicos. A maiores premiarase ao equipo máis numeroso, o mellor disfrace ou equipamento en equipo e ao equipo máis animado durante a realización do percorrido.

A inscrición pode facerse online mediante a páxina web do Proxecto Enki ou en El Corte Inglés. A inscrición ten un custo de 7 euros para o público xeral e de 5 para os colectivos con mobilidade reducida e menores de 10 anos.

Proxecto Enki

Esta iniciativa solidaria enmárcase dentro do proxecto Enki que, promovido pola Fundación Abrente, o Concello de Santiago de Compostela e Obra Social “La Caixa”, ten como obxectivo fomentar a inclusión de persoas con diversidade funcional a través de actividades deportivas.

Un dos valores diferenciais de Enki é que o 100% dos fondos recadados coa inscrición se destina a colectivos que loitan por e para a defensa de persoas con diversidade funcional e a súa integración a través da práctica de actividades deportivas. Nado en A Coruña no ano 2014, hoxe Enki é un proxecto recoñecido, que conta con anos de percorrido e grande éxito de participación nas diferentes cidades de Galicia.

15 de maio de 2017 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.