publicidade hoxe

A mostra “Sorrisos Transformadores” chega este venres ao auditorio de Meis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeis
A-
A+

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, será a encargada de inaugurar, este venres 19 de maio ás 12:00 horas xunto o alcalde de Meis, José Luis Pérez Estévez, a mostra “Sorrisos Transformadores” un proxecto fotográfico para visibilización do colectivo LGTBI que levou a cabo a institución provincial en colaboración coa Asociación de Familiares con Menores Trans* ARELAS, e que se poderá visitar no auditorio da vila ata o vindeiro 1 de xuño, de luns a venres en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas.

Tras a inauguración, a presidenta da Asociación Arelas, Cristina Palacios, ofrecerá unha charla na que afondará sobre esta cuestión dirixida ao alumnado e profesorado de todos os cursos da ESO do CPI de Mosteiro.

Sorrisos Transformadores é unha exposición itinerante que vén de percorrer varios concellos da provincia e que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas a persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista da imaxe ou sobre a súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son por exemplo especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.

18 de maio de 2017 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.