publicidade hoxe

A Escola Municipal de Música ofrece un concerto en Praterías con motivo das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

Este sábado 20 de maio, ás 12:30 horas, a praza das Praterías acollerá o Concerto do Día das Letras Galegas que tradicionalmente organiza a Escola Municipal de Música, iniciativa que se vén sumar á ampla programación cultural e educativa da nosa cidade e que ten como centro de interese a vida e obra do escritor Carlos Casares.

A EMM tamén quere axudar á difusión da obra do escritor, dedicándolle as actuacións das agrupacións musicais que van a participar neste concerto. Ademais, a propia Escola conta cun espazo no que difundirá a través dunha publicación a biografía deste autor e as portadas de todos os seus libros, cunha ficha na que se recollen os diferentes editores, deseñadores e ilustradores da súa produción literaria.

Este ano, o Concerto do Día das Letras Galegas ten por finalidade dar a coñecer o traballo desenvolvido polas diferentes agrupacións da EMM ao longo deste curso na Escola. Nel participarán máis de 110 alumnos e alumnas, acompañados do profesorado da EMM e das súas familias.

Neste espectáculo intervirán o Coro de adultos da EMM, integrado polo alumnado máis veterano, xunto coa Agrupación de Música Tradicional e a Banda de Música. O concerto conmemorativo do Día das Letras Galegas estará dedicado integramente á música galega, con obras de compositores como Simón Couceiro e Xan Montes, entre outros.

Escola Municipal de Música

A Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela conta cunha matrícula de 441 alumnos e alumnas a partir dos 3 anos, e con 19 profesores e profesoras que imparten 18 especialidades instrumentais, entre as que podemos salientan: violín (43 alumnos/as), piano (36 alumnos/as), clarinete (21 alumnos/as), percusión (20 alumnos/as) ou saxofón (15 alumnos/as). Ademais, conta con agrupacións musicais nas que se integra o alumnado da Escola: Orquestra de Corda, Orquestra de Iniciación para os máis pequenos, Banda e Banda de Iniciación, Agrupación Tradicional, Agrupación de Música Moderna, Coro Infantil e Coro Xuvenil e de Adultos.

16 de maio de 2017 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.