publicidade hoxe

A Deputación investiu 2 millóns de euros para a mellora das infraestruturas e servizos públicos de Vimianzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVimianzo
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Vimianzo, que se enmarca na rolda que está a realizar polos concellos da provincia para coñecer as súas necesidades e escoitar as súas demandas.

González Formoso foi recibido á súa chegada polo alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos, os deputados provinciais da comarca José Manuel Pequeño e Manuel Muiño, e os membros da corporación local, cos que mantivo unha reunión na que abordaron os distintos plans provinciais e as actuacións que a Deputación está levando a cabo no concello.

O alcalde destacou que a Deputación é “un exemplo de como se debe gobernar”. “Estamos moi satisfeitos, non desde un punto de vista egoísta, senón polo servizo aos concellos que da unha administración que distribúe os fondos con criterios obxectivos”, sinalou o rexedor.

En concreto, Antelo eloxiou o Plan Único e a “valentía” de deixar que os concellos decidan onde investir os fondos provinciais. “Non necesitamos tutelas, precisamos colaboracións” apuntou o alcalde e destacou o impulso da Deputación para apoiar a Vimianzo no ámbito turístico, de promoción do patrimonio e para modernizar a administración local.

Pola súa banda, González Formoso agradeceu o apoio do alcalde e subliñou a “importancia dos investimentos provinciais á hora de mellorar as infraestruturas e os servizos dos concellos que contribúen a incrementar a calidade de vida dos veciños”.

“Sen Deputación, non hai investimentos nos concellos”, sentenciou o presidente e cifrou en máis de dous millóns de euros as achegas provinciais ao municipio de Vimianzo nos últimos dous anos. Un importante investimento que permitiu construír dotacións municipais coma a Aula da Natureza, os parques infantís de varias parroquias, a pavimentación de diversos camiños e pistas municipais, así como melloras no pavillón polideportivo ou na propia Casa do Concello, onde se creou un acceso para persoas con mobilidade reducida e se renovou a cuberta do edificio.

O Plan Único inviste 1,1 millóns en Vimianzo en 2017

Para o ano 2017, a Deputación inviste no municipio un total de 1.157.093 euros, a través do Plan Único. González Formoso sinalou que esta importante achega permitirá amortizar máis de 100.000 euros de débeda e pagar máis de 353.000 euros de gasto corrente, saneando así as contas municipais. O restante, destinarase a obras financeiramente sostibles, coma a mellora do vial de A Ponte a Roda, a execución dunha rede de saneamento en Vilaseco ou a construción dunha nova senda peonil en Ogás.

Asemade, Formoso salientou “a importante contribución das achegas da Deputación para xerar emprego”. Neste sentido, subliñou que o Plan de Emprego Local (PEL) multiplicou por catro as asignacións que viña recibindo Vimianzo na materia, pasando de contar con 11.400 euros no 2015 a unha dotación de 46.000 €, o que permitiu contratar a máis xente durante máis tempo para realizar tarefas municipais. Igualmente, a través do Plan de Medio Ambiente da Deputación, foi contratada unha cuadrilla para levar a cabo tarefas de limpeza nos núcleos rurais do concello.

Nova aula para valorizar o entorno natural en Presa do Val

O presidente da Deputación aproveitou a súa visita a Vimianzo para coñecer o resultado das obras financiadas polos plans provinciais en diversos puntos do concello.

Acompañado polo alcalde, González Formoso visitou a nova Aula da Natureza, ubicada na área recreativa de Presa do Val e financiada con 108.900 euros do Plan de Obras e Servizos (POS) 2016. Esta nova dotación, que complementa a zona de ocio e o merendeiro a carón do río, acollerá actividades divulgativas e obradoiros vencellados ao medio ambiente, o coidado da natureza e o coñecemento da flora e a fauna da contorna. Así mesmo, o espazo quedará a disposición para reunións e outras propostas dos veciños.

O inmoble conta cunha sala de usos múltiples e unha terraza exterior cuberta, que permitirá a realización de actividades en contacto coa natureza incluso en condicións climáticas adversas.
Unha das características máis singulares da Aula é que está construída integramente con materiais ecolóxicos e técnicas respectuosas co medio ambiente. Así, as fachadas están compostas de pedra, madeira, bloques de termoarxila e illamentos de membrana multicapa, mentres que as cubertas están realizadas en láminas de zinc. Asemade, minimizouse a cimentación e o impacto da construción sobre o terreo, evitando os movementos de terras e calquera perturbación das características naturais da zona.

A pesar destas innovacións no proxecto de construción, a Aula da Natureza conserva unha estética moi adaptada á arquitectura da zona, posto que se intentou imitar ás construcións populares tradicionais da parroquia de Baíñas.

Nova zona verde en Cereixo e rehabilitación da escola unitaria de Carantoña

O presidente da Deputación tamén se desprazou ata Cereixo, onde inspeccionou as obras de construción dunha nova explanada e aparcadoiro, que se atopan xa moi avanzadas. Este proxecto, financiado a través do Plan de Acción Social (PAS) con preto de 83.000 euros, transformou unha parcela que se atopaba inutilizada nun espazo multifuncional, que se utilizará para as festas e feiras, coma área de ocio e tamén coma aparcadoiro, vencellado ao cemiterio próximo.

As obras de adecuación da parcela tiveron en conta criterios para minimizar o impacto ambiental, coma a instalación dun aglomerado especial con celosía que intercala herba e cemento, de maneira que terá unha mellor integración na paisaxe.

Outra das obras financiadas polo PAS da Deputación en Vimianzo é a rehabilitación do centro social e escola unitaria de Carantoña. O presidente da Deputación interesouse polo estado destes traballos, que reciben unha achega de 53.240 euros dos fondos provinciais, e que tamén están prácticamente rematados.

Na súa visita, Valentín González Formoso comprobou o resultado da renovación dos envolventes da fachada, as carpinterías e os aseos. Estas medidas, ademais de mellorar as condicións de habitabilidade do inmoble no que estudan once nenos e nenas, permitirán mellorar a eficiencia enerxética co consecuente aforro nos custos derivados da calefacción e o consumo eléctrico.
Dentro deste proxecto do PAS, tamén se inclúe o acondicionamento do parque infantil da propia escola e actuacións complementarias nos parques de Tines e Pasarela.

Senda Peonil na DP 1603 Ponte do Porto a Quintáns

Valentín González Formoso e Manuel Antelo percorreron unha parte da senda peonil que a Deputación está rematando na estrada DP 1603, de Ponte do Porto a Quintáns, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e favorecer o tránsito a pé dos veciños da zona.

En concreto, o novo camiño para os viandantes conectará os puntos quilométricos 1+400 e 2+345, que corresponden aos lugares de Porto de Cereixo e Tufións.

A senda terá un ancho medio de dous metros, ademais dunha beriavía de separación do carril de circulación de 0,5 metros, e conta cun muro de pedra lateral que mellorará a seguridade dos peóns evitando os desprendementos de terra nas zonas de desmonte.

Castelo de Vimianzo

Valentín González Formoso rematou a súa visita institucional ao Concello de Vimianzo nun dos monumentos máis importantes do municipio, o Castelo de Vimianzo, propiedade da Deputación da Coruña.

O presidente provincial destacou a exitosa traxectoria de colaboración entre a institución provincial e o concello, para levar a cabo un programa de dinamización que impulse o turismo e ofreza aos veciños unha oferta cultural axeitada. O alcalde e o presidente percorreron as instalacións do castelo e interesáronse polas mostras de artesanía en vivo que nel se acollen.

Neste sentido, González Formoso lembrou que a Deputación e o Concello de Vimianzo renovaron o pasado mes de abril o convenio para que o goberno municipal se encargue directamente da xestión as actividades e a atención ao público tanto do Castelo como dos Batáns de Mosquetín.

A través deste acordo, a Deputación achega ao Concello de Vimianzo a cantidade de 100.000 euros en concepto de xestión dos dous bens patrimoniais, 70.000 vinculados ás actividades do Castelo de Vimianzo e 30.000 aos Batáns de Mosquetín.

11 de maio de 2017 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.