publicidade hoxe

A Deputación destina 100.000 euros a Baleira para a posta en marcha dos GES

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaleiraLugo
A-
A+

O Goberno da Deputación aprobou destinar 100.000 euros a Baleira para os GES. Este é o municipio lucense que acollerá un novo Grupo de Emerxencia Supramunicipal na provincia de Lugo. Con este presuposto, o Executivo Provincial asume todos os custos municipais pola prestación deste servizo, ademais da parte que lle correspondente ao organismo provincial.

Así o fai tamén, a proposta do Presidente, Darío Campos Conde, nos restantes Concellos lucenses con GES, que son os de Becerreá, Cervo, Guitiriz, Monterroso, A Pontenova, Quiroga e Folgoso do Courel, aforrando un total de 350.000 euros a estes Concellos e sendo, polo de agora, a 1ª Deputación en Galicia que asume os custos municipais dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal.

Aos 350.000 euros para ditos 8 Concellos, o organismo provincial achega outros 350.000 euros ao funcionamento dos GES, que é a cantidade que lle corresponde en base ao convenio coa FEGAMP e a Xunta de Galicia. Isto supón, que o financiamento do Goberno da Deputación para os Grupos de Emerxencia Supramunicipal na provincia acade os 700.000 euros ao ano.

Emprego e servizo público

Este investimento contribúe á creación de 84 persoas, que son os profesionais que contratan os municipios para a prestación deste servizo, e á prestación dun servizo de emerxencias en toda a provincia. Pois os 7 GES contan co seguinte persoal e atenden ás zonas citadas a continuación:
– Baleira, 12 profesionais que serán contratados para prestar servizo nas Comarcas da Fonsagrada e Meira.

– Guitiriz, 12 profesionais que atenden as comarcas da Terra Chá e Lugo.

– Becerreá, 12 profesionais que atenden as comarcas dos Ancares, Lugo e Sarria.

– A Pontenova, 12 profesionais que atenden a Mariña Central e Oriental.

– Quiroga/Folgoso do Courel, 12 profesionais que atenden a zona de Quiroga e Terra de Lemos.

– Monterroso, 12 profesionais que atenden a Ulloa, Chantada e Lugo.
– Cervo, 12 profesionais que atenden a Mariña Central e Occidental.

100.000 euros por Concello

O Goberno da Deputación de Lugo financia os 7 Grupos de Emerxencia Supramunicipal da provincia nun 40%, pois achega o 20% que lle corresponde ao organismo provincial e asume o 20% que terían que pagar os Concellos. Isto supón un investimento de 100.000 euros por municipio (50.000 nos casos de Quiroga e Folgoso do Courel ao compartir grupo), sumando un total de 700.000 euros. Neste senso, Campos Conde destacou que “esta é unha aposta persoal, pois, como Alcalde que son, coñezo de primera man as dificultades que sofren os Concellos para pagar os GES. Ademais, paréceme unha decisión coherente, cando Xunta e Deputación tamén asumen os custos polos parques de bombeiros, sendo esta unha prestación semellante”.

A provincia de Lugo é unha excepción en Galicia en canto aos GES, tras a decisión do Presidente da Deputación de asumir a parte que lle corresponde aos Concellos, pois o convenio coa Xunta fixa que os Grupos de Emerxencia Municipal se financien nun 60% pola Xunta de Galicia, nun 20% polas 4 Deputacións galegas e noutro 20% polos Concellos.

8 de maio de 2017 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.