publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra impulsa o certificado de calidade SICTED no sector turístico de Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSilleda
A-
A+

A Deputación de Pontevedra está impulsando ao longo deste ano un plan de asesoramento gratuíto entre as empresas turísticas da provincia para implantar o certificado de calidade SICTED. O deputado de Turismo, Santos Héctor, subliñou hoxe nunha sesión informativa sobre o proxecto, que se celebrou na casa da Cultura de Silleda, que dende que comezou a campaña de promoción xa son 76 empresas de toda a provincia as que solicitaron a súa certificación.

Na presentación da certificación de calidade celebrada en Silleda, o deputado provincial estivo acompañado polo alcalde de Silleda, Manuel Cuiña; Mabel Vidal, da empresa Casa Cachafeiro; e Arturo Sanpedro, técnico da consultora que desenvolve o proxecto Sicted na provincia. Segundo destacou Santos Héctor, tras os primeiros encontros co sector celebrados en varias localidades da provincia foron 76 empresas as que solicitaron a súa certificación “o que demostra a gran acollida que está a ter entre o sector turístico da nosa provincia a certificación de calidade para mellorar o seu posicionamento no sector”.

O deputado de Turismo recordou que neste intre existen 203 empresas na provincia que contan co certificado SICTED as que sumaríanse estas novas 76 co cal a “falla de case que rematar a campaña de promoción teriamos cumpridos os obxectivos que nos plantexamos ao comezo”, tal e como puxo de manifesto.

Pola súa parte, Mabel Vidal da empresa Casa Cachafeiro que xa conta co seu distintivo falou ante os presentes a súa experiencia na implantación da certificación.

Arturo Sanpedro, responsable da empresa consultora que vai implantar a certificación, insistiu en que a metodoloxía e os requisitos son esixidos pola Secretaría de Turismo do goberno de España, que é quen finalmente outorga a distinción.

Para poder optar á certificación, as empresas deben estar englobadas nalgún dos 32 oficios que identifica o SICTED, que son praias; bares e cafeterías; axencias de viaxe; guías turísticos; seguridade cidadá; comercios; cámpings; adegas; portos deportivos; palacios de congresos; hoteis e apartamentos; turismo industrial; servizos de limpeza; taxis; albergues; convention bureaux; outros servizos; aloxamentos rurais; artesáns; atraque de cruceiros e ferries; servizos turísticos de saúde; empresas de transporte turístico; estacións de esquí e montaña; espazos naturais protexidos; oficinas de información turística; museos e centros de interese turístico; empresas de turismo activo; escolas de español para estranxeiros; aluguer de vehículos e embarcacións de recreo; campos de golf e campos de pitch&putt; restaurantes e empresas turísticas de catering.

As empresas teñen o mes de setembro para adherirse ao proxecto. Dado o número de empresas que teñen solicitado a súa inclusión xa abriuse o proceso de formación e asesoramento individual a cada empresa para concluír coa avaliación final. Por último, será Turismo Rías Baixas quen valora as propostas que finalmente obteñan a certificación.

3 de maio de 2017 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.