publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra comeza o acondicionamento do xacemento da Lanzada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO GrovePontevedra
A-
A+

O equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra comeza hoxe cos labores de acondicionamento no xacemento da Lanzada. Dezasete persoas, entre persoal de arqueoloxía, restauración e auxiliares, traballarán arredor de catro meses nunha intervención no xacemento para consolidar as numerosas estruturas localizadas durante a fase de escavación arqueolóxica desenvolvida durante o segundo semestre do ano 2016 e xaneiro de 2017.

Estes traballos, que se prolongarán durante catro meses, realizaranse nos 970 metros cadrados da escavación e son previos ao inicio da parte de consolidación, musealización e posta en valor dos castros da provincia mediante o convenio que a Deputación mantén co Ministerio de Fomento. Máis polo miúdo, realizaranse labores de limpeza, tapado, drenaxes, restitucións e recreacións para facilitar a comprensión deste xacemento no que se rexistraron ata cinco niveis de ocupación e que converten A Lanzada nun centro arqueolóxico de grande complexidade.

Unha das actuacións máis ambiciosas que se realizarán consiste na recreación da factoría de salga. Esta factoría supuxo un dos grandes achados do xacemento xa que estamos a falar da primeira da súa categoría no noroeste peninsular. Ademais, trátase dunha factoría de orixe prerromana, cando ata o momento este tipo de instalacións eran de orixe romana, con 29 pías para salgar o peixe e conservar alimentos, unha cifra moi superior ás achadas noutras factorías que contaban, de media, con entre 8 e 10 depósitos.

Unha vez que se conclúan as labores que se inician hoxe, a preservación da zona escavada quedará garantida, e permitirá o seu goce como produto patrimonial e turístico por parte das persoas visitantes, facendo da Lanzada un xacemento de referencia no ámbito provincial, rexional e nacional.

Desde o pasado verán e ata xaneiro de 2017 a Deputación de Pontevedra realizou unha intervención arqueolóxica na Lanzada que sacou á luz ata 17 esqueletos, 14 de nenas e nenos, datados entre os séculos I e II d. C., e máis de 15.000 pezas, das que destaca o gran volume de terra sigillata (cerámica de luxo romana) e 358 metais entre os que sobresae unha espada de 33 centímetros de entre os séculos VIII e IV a. C. Todos os achados atopados no xacemento da Lanzada puxeron de manifesto que xa 600 anos antes da chegada dos romanos se realizaban intercambios comerciais de envergadura con Italia, Tunisia ou Palestina desde esta zona do Salnés.

16 de maio de 2017 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.