publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña adxudica por 345.000 euros as novas obras de mellora nas estradas Laracha- A Silva e Coristanco- Santa Comba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA LarachaCercedaCoristancoSanta Comba
A-
A+

A Deputación da Coruña vén de adxudicar, por un importe total de 344.796 euros, as obras de mellora do firme de dous tramos das estradas provinciais DP 2904, que une Coristanco e Santa Comba, e DP 2404 da Laracha ao lugar de A Silva, en Cerceda.

As obras da DP 2904 foron adxudicadas á empresa Construcciones D. Ogando por importe de 230.315,19 euros e consistirán na mellora da capa de rodaxe do citado vial provincial entre os puntos quilométricos 10 e 15+800, mediante o estendido dunha mestura bituminosa en quente en todo o ancho da estrada.

Os traballos comezarán cunha demolición puntual das zonas de aparcamento e a posterior reposición do firme cunha capa de mestura asfáltica en quente naquelas zonas nas que a capa de rodaxe actual presenta deterioro, así coma a roza da maleza nas marxes da vía e a limpeza da totalidade das beiravías.

A Deputación financiará así mesmo a posta a punto dos sumidoiros, a reposición das marcas viais, o repintado dos pasos de peóns e outras sinalizacións que garantan a seguridade viaria.
Máis de 600.00 euros de investimento nesta estrada

Estas obras, pertencentes á cuarta fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais 2016, completan as melloras xa levadas a cabo pola Deputación na mesma estrada, que suman case 600.000 euros.

Aos 230.315 euros aprobados agora hai que sumar os 250.000 € xa investidos pola Deputación na na mellora do firme dos seguintes cinco quilómetros do vial (do pk 15+800 ao 20+240) , e as obras de construción dunha nova senda destinada a mellorar a seguridade dos peóns entre os puntos quilométricos 11+460 e 12+185, que discorre entre o acceso á fervenza de Castriz e o comenzo das beirarrúas xa existentes no núcelo do mesmo nome, unhas obras que supoñen un investimento de 116.237 euros.

DP 2404 Laracha –A Silva

A Deputación adxudicou tamén á empresa Ponciano Nieto a mellora do firme da estrada provincial DP 2404 Laracha- A Silva, por importe de 114.481,98 euros. As obras consistirán na reparación do firme nos tramos comprendidos entre os puntos quilómetros 8+100 e 8+900 e entre o 11+500 e o 12+730.

O proxecto elaborado polo departamento de Vías e Obras da institución provincial, que dirixe o deputado José Manuel Pequeño, estima que os traballos terán unha duración estimada de 3 meses e incluirán a dotación dunha nova capa de rodaxe en mestura bituminosa en quente de 5 a 6 centímetros de espesor, segundo as necesidades de cada treito. Tamén se estenderá unha capa de regularización en curvas para mellorar as pendentes das mesmas.

Os fondos provinciais financiarán a reposición da sinalización horizontal afectada, a creación sumidoiros e pozos para adaptalos á nova rasante e a creación dun novo tramo de barreira de seguridade.

8 de maio de 2017 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.