publicidade hoxe

A Deputación aproba o procedemento para a contratación da musealización do Castelo de Soutomaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSoutomaior
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra anunciou esta mañá a aprobación do procedemento de contratación do deseño, produción, subministro e instalación da musealización do Castelo de Soutomaior. Carmela Silva informou que “do Plan de Viabilidade do Castelo de Soutomaior, que comezamos a executar coas visitas teatralizadas e coas sendas peonís, quedaba pendente o relativo á musealización que, coa aprobación do procedemento para a súa contratación, estamos xa a poñer en marcha”.

A través deste contrato – tal e como asegurou Silva- regúlanse as condicións relativas aos traballos de musealización, desde o deseño, produción, subministro e sinalización ata a instalación de diferentes elementos “para poñer en valor, protexer e preservar este monumento declarado Ben de Interese Cultural e convertelo nun foco de atracción turística e de dinamización económica”.

Carmela Silva asegurou que as empresas que queiran optar ao contrato deberán “redactar un proxecto museográfico completo así como configurar os espazos expositivos, incluíndo a sinalización e a elaboración de recursos didácticos e educativos para todos os públicos en galego, castelán e inglés”. O obxectivo deste proxecto é renovar os contidos e a formalización museográfica do Castelo de Soutomaior, destacar a súa importancia no territorio, o seu valor simbólico e a súa traxectoria histórica.

A través deste proxecto de musealización delimitarase tamén unha zona de control de acceso tanto ao castelo como aos xardíns e un espazo introdutorio. Amais, os eixos temáticos que deberá incluír o proxecto , ao menos, terán que abordar os dez séculos de historia do Castelo de Soutomaior, a importancia do enclave do recinto para o control do territorio, a linaxe dos Soutomaior, o asalto e a destrución do castelo a cargo das revoltas Irmandiñas, a fortaleza como centro de poder político e económico, as figuras de Pedro Madruga, Cristóbal Colón e da Marquesa de Ayerbe, as continuas adaptacións do castelo e as reformas efectuadas dende o século XII ata o XX.

A presidenta da Deputación indicou que o prazo máximo para a realización dos traballos será de 28 semanas trala formalización do contrato para a musealización do Castelo de Soutomaior.

Visitas teatralizadas

Carmela Silva tamén informou que este ano se retoman as visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior e adiantou que comezarán o luns 15 de maio a cargo de Troula Animación S.L. Segundo declarou a Presidenta da Deputación, este ano “faranse 34 funcións cunha duración de 45 minutos, cun cambio radical, cun novo enfoque, moito máis ambiciosas e máis enfocadas ao turismo familiar enmarcado na estratexia do Plan de Usos do Castelo”. Amais, tal e como adiantou Silva, “a adquisición das entradas farase a través de ataquilla.com, para facilitar os trámites ás persoas que queiran asistir e ter un mellor control do acceso”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que as visitas teatralizadas, que se rematarán de perfilar nos vindeiros días, estenderanse entre o 15 de maio e o 14 de setembro. Máis polo miúdo, en maio as visitas terán lugar os días 15, 18, 22, 25 e 29; en xuño o 1, 5, 8, 12, 19, 22, 26 e 29; en xullo os días 3, 10, 13, 17, 20, 27 e 31; en agosto o 7, 10, 14, 17, 21, 24, 28 e 31 e en setembro os días 4, 7, 11 e 14.

4 de maio de 2017 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.