publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Educación investiu un millón de euros no CEIP San Roque Darbo e no IES María Soliño, en Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasLocal Portada
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao colexio de Darbo

Román Rodríguez na visita ao colexio de Darbo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de investir preto dun millón de euros en dous centros escolares de Cangas -o CEIP Plurilingüe San Roque Darbo e o IES María Soliño-, onde se acometeron importantes obras de mellora de eficiencia enerxética no primeiro deles, e de reforma do pavillón polideportivo no caso do instituto.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, desprazouse esta mañá ata Cangas, acompañado do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, para visitar o colexio de Darbo, no cal o departamento de Educación levou a cabo a rehabilitación integral do edificio, que implicou a mellora da eficiencia enerxética e funcional deste centro.

As actuacións -cuxo importe total ascendeu a 615.000 euros- consistiron na mellora da envolvente do centro mediante a inxección de illamento térmico na fachada. Así mesmo, renováronse as carpinterías exteriores, que foron substituídas por outras con rotura de ponte térmica e dobre vidro, e colocáronse novas persianas de aluminio.

No referido ás instalacións interiores, substituíronse todos os falsos teitos por outros con protección acústica, e as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética (con multisensor de regulación e detección de movemento); e pintáronse os paramentos interiores. Ademais, mudouse a caldeira de calefacción e mellorouse a instalación referida a este sistema, entre outras actuacións.

Esta intervención forma parte do Plan de mellora da eficiencia enerxética que a Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha o ano pasado e que supuxo a rehabilitación integral de doce centros escolares (cinco deles na provincia de Pontevedra). Este Plan -que se enmarca dentro das actuacións financiadas pola Unión europea para a redución do CO2- continúa este ano con obras deste tipo noutros oito centros escolares a razón de dous por provincia, e que suporán un investimento de preto de catro millóns de euros.

IES María Soliño

A outra das obras importantes realizouse no IES María Soliño, onde se acometeu unha reforma integral do pavillón con obras específicas na pista polideportiva e nos vestiarios, por un importe de case 400.000 euros, nunha superficie de 1.500 metros cadrados.

A pertinencia desta obra derivaba da necesidade de solucionar os problemas de salubridade, habitabilidade e acabados da mencionada instalación. Para tal fin, nas pistas deportivas realizouse unha nova soleira de formigón e illada con poliestireno extruído de alta densidade, e sobre esta base colocouse un pavimento deportivo de caucho sintético. Así mesmo mellorouse o illamento das fachadas e da cuberta do edificio, incorporando illamento térmico de lá de vidro mineral, paneis de alta densidade de resinas e chapa perforada metálica. Tamén se renovaron as instalacións de electricidade e a iluminación da pista deportiva, e colocáronse novos extintores.

Na zona dos vestiarios, cambiáronse as instalacións de fontanaría, climatización e alumeado. Así mesmo instalouse un falso teito con panel illante e reparáronse as goteiras que afectaban a esta zona do pavillón.

As actuacións levadas a cabo no último ano nestes dous centros escolares de Cangas forman parte do conxunto de obras de mellora levadas a cabo pola Consellería de Cultura e Educación co fin de que o alumnado dispoña dunhas instalacións educativas de calidade e adaptadas ás súas necesidades. Cómpre lembrar que o investimento total en centros educativos neste Concello desde o ano 2009 supera os 2,2 millóns de euros.

3 de maio de 2017 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.