publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A comunidade galega mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis con 113 distintivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia recoñece o labor dos concellos galegos para manter a nosa Comunidade como a autonomía española nunha das primeiras posicións co maior número de bandeiras azuis en 2017. Galicia mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis recibidas para os areais galegos, con 113; que se eleva a 131 distincións para praias e portos deportivos; polo que a sitúa na segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia con 129 distincións.

Deste xeito, a comunidade galega acapara case un 25% (24,3) das 579 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais, e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade catalá (95 bandeiras).

Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego con máis bandeiras azuis, con 11 praias distinguidas. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que mantén as 9 acadadas en 2016; e a recuperación da bandeira azul para a praia da A Concheira e A Ribeira, en Baiona; e de Panxón, en Nigrán.

Na provincia da Coruña é o municipio de Arteixo o que máis recoñecementos deste tipo obtén este ano, con sete; seguido de Boiro, con seis areais distinguidos. Camariñas e Ponteceso volven sumarse á lista de concellos con areais galardoados coa praia de Arou e de Valarés, Ermida e Osme, respectivamente.

Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz é o concello máis recoñecido, con catro galardóns para as praias de Peizá, Llás, As Polas e A Pampillosa.

Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.

Cómpre destacar a primeira posición que ocupa Galicia en canto aos distintivos de sendeiros azuis, xa que suma 26 itinerarios que enlazan praias ou portos con bandeira azul e contribúen ao uso sostible do litoral. (Ao final das táboas coa relación de bandeiras azuis para os areais galegos, indícanse os sendeiros distinguidos).

Portos deportivos, centros e sendeiros azuis

En relación aos portos deportivos, en 2017 Galicia obtén 18 galardóns, dos que oito son das provincia de Pontevedra, outros oito da Coruña e dúas de Lugo.

É de destacar que Galicia tamén recibe a distinción para 15 centros azuis, dun total de 71 en toda España. O requisito para converterse en centro azul para un concello con bandeira azul ás súas praias ou portos, é a existencia dun centro de visitantes, aula do mar ou de natureza que ofreza educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e o desenvolvemento sostible, así como información específica e/ou actividades relacionadas co programa Bandeira Azul. O municipio que queira optar a esta distinción debe presentar un dossier xustificativo da súa proposta, así como, ao ano seguinte, a memoria anual da actividade, xunto coa súa candidatura, que xustifique o mantemento da súa condición como centro azul en anos sucesivos. Por estes motivos, a Xunta de Galicia felicita aos concellos de Bueu, Sanxenxo, Illa de Arousa, Vigo, Redondela, Marín, Oleiros, Ortigueira, Boiro, Muros e Burela, por ser quen de manter estes recoñecementos.

9 de maio de 2017 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.