publicidade hoxe

A comunidade galega incrementou no último ano un 11% as exportacións a Italia de produtos pesqueiros e da acuicultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Mercedes Rodríguez na visita a Acquacoltura Lagunare Marinetta

Mercedes Rodríguez na visita a Acquacoltura Lagunare Marinetta

Galicia incrementou en máis dun 11% as exportacións a Italia de produtos pesqueiros e da acuicultura no último ano. Así o anunciou a directora xeral de Pesca Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, nunha visita que realizou hoxe á empresa italiana Acquacoltura Lagunare Marinetta (Almar), dedicada ao cultivo de moluscos -sobre todo de ameixa e mexillón-, situada ao norte do mar Adriático.

A directora xeral explicou que, segundo os datos que manexa o Instituto Galego de Estatística (IGE), o ano pasado aumentaron as exportacións de xeito destacado, pasando de facturar máis de 55 millóns polas exportacións de produtos pesqueiros e da acuicultura no 2015 a ingresar máis de 61 millóns no 2016. Nesta liña, explicou Mercedes Rodríguez, “os datos amosan a importancia cada vez maior de Italia como socio comercial de Galicia”, sinalou.

Así, a directora xeral salientou que os produtos da pesca e da acuicultura exportados a Italia, sumados á alimentación en xeral, supuxeron a facturación de máis de 700 millóns de euros o ano pasado. Destacou a directora que, dende o 2008 aumentaron os ingresos por exportacións a este país case un 64%.

No transcurso da visita á empresa Almar, a directora xeral puido coñecer todo o proceso que realiza esta compañía dende que cría as larvas dos moluscos ata que leva o produto ao mercado. Así, visitou o laboratorio no que nacen las larvas da ameixa, coñeceu as piscinas naturais nas que se engorda o molusco –ubicadas nunha área natural dunha superficie de 24 hectáreas- e tamén os parques de cultivo nos que se sembra e nos que permanecen ata acadar a talla comercial, que adoita ser 3 anos despois da súa sementeira. A directora xeral tamén visitou a depuradora pola que pasa todo o molusco antes de ser comercializado e a área de envasado ao baleiro.

Esta empresa, que comercializa tanto produto fresco como envasado ao baleiro, ademais de traballar coa ameixa, dedícase ao cultivo de mexillón en long lines e tamén é importadora de mexillón galego para a súa comercialización. Ademais, tamén producen navalla e ameixón en menores cantidades.

Tutto Food

A directora xeral realizou esta visita no marco da súa estadía en Milán con motivo da feira de alimentación Tutto Food, que se celebra dende hoxe ata o vindeiro xoves, 11 de abril. Dado o interese de Galicia en manter e mellorar o negocio das súas empresas en Italia, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación expuxo a importancia que supón a súa estadía na cidade italiana, co obxecto de dar apoio ás empresas galegas presentes e de afianzar as relacións comerciais existentes e chegar a novos mercados.

Mañá martes, 9 de maio e o mércores 10, Mercedes Rodríguez visitará a feira e realizará un percorrido polas 10 empresas galegas do sector do conxelado, da conserva e acuícolas, entre outros. Ademais, tamén visitará outras empresas galegas que se promocionan no evento de xeito independente.

A Consellería do Mar participa neste evento cun posto institucional de máis de 180m². Dentro do stand atópase unha área destinada a centro de negocios, na que as empresas poden manter encontros para ampliar o seu mercado. A consellería do Mar acude este ano por segunda vez a esta feira internacional de carácter bienal, considerada coma o maior evento alimentario e o máis importante de carácter multisectorial de Italia.

8 de maio de 2017 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.