publicidade hoxe

Xustiza resolverá os problemas de arquivo nos xulgados 2 e 3 de Vilagarcía de Arousa durante os vindeiros meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilagarcía de Arousa
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recordou esta mañá que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, xa tiña previsto actuar nos Xulgados 2 e 3 de Vilagarcía de Arousa ao longo dos próximos meses de cara a resolver os problemas de arquivo actuais.

“Isto non quere dicir que durante os pasados anos non se levaran a cabo medidas anteriores para minimizar os problemas de espazo nos arquivos dos xulgados desta localidade arousana”, explicou Cores Tourís. “De feito, habilitáronse dous novos espazos no edificio de cara a ampliar a capacidade de almacenaxe tanto de expedientes xudiciais coma de pezas de convicción, recuperando a antiga sala das caldeiras que quedou obsoleta trala instalación de novos equipos de climatización, así como a creación dun almacén nun espazo non utilizado no garaxe”.

Así, no “Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Vilagarcía tiña o 90% da documentación no depósito sen instalar en caixas”, continuou o delegado territorial, “tampouco tiñan ningún tipo de documento de descrición para a súa localización, e carecía de espazo para continuar a ubicar expedientes”. Coa aplicación do Sistema de Xestión de Arquivos Físicos Xudiciais etiquetáronse 23 pezas de convicción e 61.706 expedientes que se recolocaron en 3.535 caixas.

A actuación sobre estes dous xulgados vilagarcianos terá lugar seguindo a orde de antigüidade dos mesmos, iniciándose en 2017 o traballo no arquivo do número 2 e seguindo en 2018 polo do número 3.

“Nestes dous xulgados imos a levar a cabo o mesmo sistema e calendario aplicado ao Xulgado número 1 de Vilagarcía”, engadiu o delegado territorial, “onde se aproveitou a aplicación deste programa de xestión para organizar a documentación, destruíndose 7.449 expedientes e trasladándose outros 23.694 ao Arquivo Xudicial Territorial de Pontevedra”.

O obxectivo de aplicar este programa é conseguir a organización, descrición e instalación da documentación xudicial custodiada nos arquivos dos xulgados, seguindo criterios arquivísticos. “O que se pretende é crear as condicións para levar a cabo un control, localización e trazabilidade dos expedientes xerados por estes órganos xudiciais, así como as transferencias documentais ao arquivo Xudicial Territorial que se atopa no edificio da Delegación da Xunta en Pontevedra”, explicou José Manuel Cores tourís.

A nivel provincial, o expurgo de documentación xudicial permitiu trasladar ao Arquivo Xudicial de Pontevedra 266.116 expedientes, 182.422 procedentes dos xulgados de Vigo, 60.000 dos de Pontevedra e 23.694 de Vilagarcía de Arousa.

19 de abril de 2017 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.