publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xunta e Endesa asinan o convenio para dotar o núcleo das Pontes dunha nova circunvalación e asegurar o futuro de 900 postos de traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAs PontesLocal Portada
A-
A+
Ethel Vázquez na sinatura do convenio

Ethel Vázquez na sinatura do convenio

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o presidente do Consello de Administración de Endesa Generación SA, Manuel Morán, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes. Este acordo permitirá dotar o núcleo das Pontes dunha nova circunvalación e garantir o futuro de máis de 900 postos de traballo.

Para transformación da central térmica de Endesa e adaptala aos requirimentos da directiva europea sobre emisións industriais, é necesario ocupar un treito da estrada autonómica que cruza as instalacións da eléctrica e que sae das Pontes cara Penapurreira e a autovía AG-64 (Ferrol-Vilalba). Trátase do treito situado entre a central térmica e o ciclo combinado de gas, cun tráfico orixinado, principalmente, polos accesos á propia factoría e como conexión coa autovía.

A Xunta autoriza esa ocupación, a cambio da cal Endesa investirá case 4 millóns de euros na construción de novas infraestruturas viarias ao servizo dos veciños do Concello.

Vázquez Mourelle salientou que esta actuación é clave para o futuro dunha empresa estratéxica para a vila, xa que lle permite acometer as transformacións necesarias para ser menos contaminante e cumprir coa normativa comunitaria sobre emisións industriais, o que lle posibilita poder prolongar a vida útil das súas instalacións e manter a actividade nas Pontes máis alá do ano 2020.

Engadiu que este proxecto tamén lle reportará importantes beneficios a todos os veciños porque ademais da calidade de vida, verán incrementada a súa mobilidade e reforzada a seguridade viaria.

Con este propósito impúlsase a execución dunha nova vía que servirá de circunvalación do núcleo urbano das Pontes, separando a área industrial da zona residencial e mantendo, ao mesmo tempo, a conexión existente coa Autovía Ferrol-Vilalba. Así, construirase unha nova estrada alternativa á actual AC-861 que dará acceso ao núcleo das Pontes, de aproximadamente 1 km de lonxitude. O actual treito da estrada autonómica que discorre entre a central térmica e o ciclo combinado de gas converterase nunha vía de servizo de uso exclusivo para a central térmica.

Paralelamente, executarase unha rede de sendas de 2,5 km que garantirán a mobilidade sustentable dos veciños, con métodos alternativos á utilización do vehículo particular, a pé ou en bici. Ademais, construirase un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións da Fundación Axencia Enerxética que estará, á súa vez, comunicado coa rede de sendas.

O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, asume a supervisión e aprobación dos proxectos, así como na execución das obras necesarias para levar a cabo o seu ambicioso proxecto.

Neste sentido, a conselleira avanzou que nestes momentos o proxecto de trazado está xa redactado e atópase en fase de supervisión e precisou que hoxe iníciase a tramitación ambiental, avanzando na tramitación administrativa que debe permitir licitar as obras a comezos de 2018.

Unha vez executadas as obras, a Consellería de Facenda realizará os trámites necesarios para a transferencia a Endesa da titularidade dos terreos afectados pola actuación, así como do treito da actual estrada autonómica que pasará a ser de uso exclusivo da central.

6 de abril de 2017 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.