publicidade hoxe

Xunta e Concello de Outeiro de Rei asinan o acordo para crear unha bolsa de vivendas sociais cos inmobles desocupados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoOuteiro de Rei
A-
A+
Ethel Vázquez na sinatura do convenio co Concello de Outeiro de Rei

Ethel Vázquez na sinatura do convenio co Concello de Outeiro de Rei

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde Outeiro de Rei, José Pardo, o convenio de adhesión ao Programa de vivendas baleiras da Xunta de Galicia, un acordo que ten por obxectivo facer dun conxunto de inmobles desocupados unha bolsa de vivendas sociais destinadas a persoas que, por circunstancias económicas, persoais ou familiares, se atopan en situacións de dificultade. Vázquez Mourelle salientou que coa sinatura de hoxe xa son 41 os concellos galegos que se incorporaron a este programa, 9 deles da provincia de Lugo.

O obxectivo prioritario deste programa é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social que incorpore as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas, contando, para isto, coa colaboración das administracións locais. Este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer de 250 euros e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

Trátase de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asumible, que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello como da Xunta.

A conselleira subliñou que as vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta cun seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.

Solucións reais a problemas reais

A titular de Vivenda fixo fincapé na importancia de que, igual que vén de facer o Concello de Outeiro de Rei, todos os municipios galegos se doten dos instrumentos necesarios para ofrecer solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de vivenda, sexa cal sexa o lugar onde vivan. O Goberno galego continúa co impulso dun total de 12 medidas, entre elas, este Programa de vivendas baleiras, que foron recoñecidas pola Valedora do Pobo como “máis ambiciosas que as doutras comunidades”.

17 de abril de 2017 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.