publicidade hoxe

Xunta e Concello da Coruña avalían a coordinación da Rede Galega de Acollemento de vítimas de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta mañá coa concelleira de Igualdade da Coruña, Rocío Fraga, co fin de avaliar o traballo que se está a desenvolver ao abeiro do protocolo asinado o ano pasado entre a Xunta e os concellos titulares dos centros da Rede Galega de Acollemento de vítimas de violencia de xénero, entre os que se atopa a cidade herculina.

O obxectivo deste acordo foi o de mellorar a coordinación dos centros que conforman a rede, e establecer que o Centro de Recuperación Integral para mulleres (CRI) de Santiago sexa o coordinador do resto de recursos.

Deste xeito, o protocolo establece o procedemento para o primeiro acceso das mulleres á rede e os mecanismos de derivación entre os centros, así como tamén promove a homoxeneización da documentación precisa para acceder a estas instalacións.

Poden ser usuarias da rede todas as mulleres que sofren violencia de xénero e os seus fillos e fillas menores que precisen dun aloxamento de seguridade en Galicia, así como as persoas delas dependentes.

No 2016, ao abeiro deste protocolo, deriváronse 36 solicitudes a centros da Rede Galega de Acollemento, dos que 8 foron á casa de acollida municipal da Coruña.

18 de abril de 2017 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.