publicidade hoxe

Xosé Vázquez Pintor presenta en Tui a súa última obra teatral, “Nos espazos do soño”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaTui
A-
A+

presentacion-tuiO Conservatorio de Música de Tui acollerá este xoves 6 de abril, ás 20.30 h, a presentación do último libro de Xosé Vázquez Pintor, unha obra teatral na que baixo o título “Nos espazos do soño. Diálogos de Amor e Amigo” se interceptan partituras xunto á trama, dotando do mesmo protagonismo a personaxes e música.

O acto estará aberto ao público en xeral ata completar aforo e contará coa presenza de Tomás Camacho e Gaël Camacho (compositores da música), Héitor Picallo (ilustrador) e, por suposto, o autor do libro, Xosé Vázquez Pintor. Os protagonistas do libro estarán acompañados de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; e José María Fonseca, de Bodegas Terras Gauda.

Así mesmo, durante o acto, representarase un fragmento da obra que correrá a cargo de Sara Malvido e que contará co acompañamento musical dos alumnos do conservatorio José Castro e Sergio Alonso, e o profesor Gabriel Silvera.

A obra

“Nos espazos do soño. Diálogos de Amor e Amigo” érguese como unha obra teatral singular, posto que os seus tres personaxes van evolucionando co acompañamento da música como outra protagonista máis, representándose con diversas partituras que se intercalan co texto. Deste xeito, e xunto coa presenza marcada de cores, o lector- espectador trasládase coas personaxes a distintos tempos como o Medievo, o Renacemento, o Barroco e o Romanticismo.

Cabe destacar o anexo final con partituras para flute e cello que permiten adentrarse no espazo que Vázquez Pintor trata de representar. É por iso que este libro se acompaña de un cd no que o lector poderá escoitar esas pezas ás que se fai referencia ao longo da obra e que foron compostas por Tomás Camacho e Gaël Camacho. Este libro, editado por Edicións Fervenza, sérvese tamén das ilustracións de Héitor Picallo para acompañar o relato e nas que a súa cor permite identificar o tempo no que se atopan as personaxes, dotando de maior beleza as verbas de Vázquez Pintor.

Colaboracións

Para a publicación desta obra, contouse coa colaboración do Concello de Tui, o Concello de Agolada, a Cooperativa Hoxe, o restaurante enxebre Porta do Sol de Lamela e Bodegas Terras Gauda.

O autor

Xosé Vázquez Pintor nace en Melide en 1946, aínda que a Terra do Medio e O Morrazo foron os seus lugares de acollida. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, ten no seu haber un amplo abano de obras que abranguen poesía, narrativa, ensaio, teatro e mesmo xornalismo.

Entre os premios recibidos atópase o Premio Eduardo Pondal (1981), Premio Edicións do Cerne (1984), Premio Cidade de Ourense (1989), Premio Esquío (1990) e o I Premio Uxío Novoneyra.

Tomás Camacho

Estudou cos mestres Vicente Giner, José Tomás, Andrés Segovia, John Willians e Leo Brouwer.

Ofreceu concertos en Londres, París, Bonn, Munich, Seúl, Tokyo. Participou nos Festivais Internacionais de Dublín Arts Festival, Liege Festival, Andrés Segovia Festival e Are More. Gravou programas para Televisións de Alemaña, Iugoslavia, Francia, Portugal e España, e interpretou o Concerto de Aranxuez de J. Rodrigo con Orquestras Sinfónicas de España, Francia e Portugal.

Autor de Publicacións didácticas como: Escola de guitarra en 2 volumes. Iniciación á música de vangarda, así como colaboracións para xornais e revistas especializadas: O medo escénico para a revista Catro-42. Epistolario de L. Krebs a J.S. Bach para o xornal La Región, e Os conservatorios en Galicia para a revista En Clave. Gravou monografías de L. Brouwer e J.S. Bach.

Como compositor colabora en producións de teatro, cinema e para grupos de cámara. Foi catedrático e director do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

3 de abril de 2017 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.