publicidade hoxe

Xa se poden solicitar as ‘Bolsas excelencia mocidade exterior’ coas que retornarán á terra os currículos universitarios dos galegos máis brillantes no estranxeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe a convocatoria das novas ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, coas que o Goberno galego posibilitará que cen titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, poidan cursar estudos de máster nalgunha das tres universidades galegas.

A previsión é que as e os primeiros beneficiarios da medida comecen os seus estudos no mes de setembro. Esta nova medida do Goberno galego capta así para o territorio o talento máis brillante de entre as mozas e os mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novos residentes no territorio. Os beneficiarios da iniciativa deben ser galegos por nacemento ou descendente por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior, e estar admitido na pre inscrición dalgún dos másters das universidades galegas.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. A oferta centrarase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. O investimento global inicial por curso académico desta iniciativa é de 1.000.000 de euros.

A iniciativa será xestionada por Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as universidades galegas, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para atraer cada ano a galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego.

11 de abril de 2017 | 11:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.