publicidade hoxe

“Visitas Cruzadas” reúne a 8 persoeiros da cultura para difundir a través das emocións o Museo de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

‘Visitas Cruzadas’ é o título da iniciativa que o Museo de Pontevedra porá en marcha durante os catro domingos do mes de maio para dar a coñecer os seus fondos da man de 8 persoeiros de relevancia no panorama cultural galego. Así o anunciaron esta mañá o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e o director do Museo, Carlos Valle, que estiveron acompañados por dous dos participantes na iniciativa, Uxía Senlle e Manuel Gago. “Este é un paso máis de cara a conseguir que non exista persoa que non vexa o Museo como algo seu, e que toda a sociedade galega nos coñeza e nos visite” sinalou Xosé Leal. O deputado indicou que este programa de visitas está concibido para “espertar sentimentos e emocións”, polo que se convidou a un total de 8 persoas de relevancia en diferentes eidos do mundo da cultura do país, para que cada unha dela transmita a súa propia visión do museo ao público participante. Leal indicou ademais que espera que “Visitas Cruzadas se converta nunha referencia á hora de espertar sentimentos ao redor dos fondos do Museo e que nos achegue a outros públicos diferentes do habitual público especializado”.

Leal explicou que cada un dos persoeiros actuará de “guía ocasional”, para o cal seleccionará un percorrido de 30 minutos de duración, escollendo libremente as pezas da colección do Museo que estime oportunas, e contando co asesoramento do equipo do gabinete didáctico. A través de cada percorrido, as e os guías irán explicando as súas visións persoais das obras e os motivos das súas escollas. Neste sentido, a cantante Uxía Senlle, que será unha das guías que inaugure esta iniciativa, asegurou que para ela “é unha gran responsabilidade transmitir o orgullo de ter un Museo coma este”. Uxía indicou a súa experiencia como guía dos convidados e convidadas do festival ‘Cantos na Maré’ aos que sempre leva persoalmente a visitar o Museo de Pontevedra e asegurou que “agora serei unha guía moito máis rigorosa, e intentarei que este Museo teña moitas máis visitas de público de todo tipo e non só de público especializado”. Pola súa banda, o xornalista e blogger Manuel Gago comezou dicindo que esta iniciativa ” ten unha gran relevancia emocional, porque para min este é o meu Museo”. Avanzou que na súa sesión intentará recuperar as raíces da fundación do Museo no ano 1927 “volvendo ao tanxible, porque os fundadores non só querían un sitio onde gardar pedras senón que querían construír un relato”. Gago incidiu en que “a tanxibilidade no mundo dixital devólvenos ao interese da xente en recoñecer as súas raíces, porque a través da tanxibilidade das pezas podemos recuperar a historia”. Tamén fixo fincapé en que “entender a historia tamén pode resultar interesante e divertido, hai que romper o tabú da seriedade, hai que dar lugar a distintas lecturas”

Inscricións

“No momento actual os Museos son algo máis que receptores de coleccións e fondos, deben procurar interactúar coa súa contorna máis inmediata e con públicos diversos”, así resumiu Carlos Valle, o director do Museo, o obxectivo principal destas visitas. Indicou ademais que “esta iniciativa ten por obxectivo abrir novos territorios e redimensionar, aínda máis, o Museo de Pontevedra en clave galega e peninsular”.

Atendendo a esta premisa de atraer novos públicos, en cada unha das visitas, que serán de balde, poderán participar 50 persoas previa inscrición. As inscricións deben realizarse exclusivamente vía correo electrónico no enderezo do gabinete didáctico: gabinetedidactico.museo@depo.es. Cada luns, a partires das 10h, abrirase o prazo para anotarse para a visita do domingo desa semana. As 50 primeiras inscricións realizadas por estrita orde de entrada dos correos serán as participantes desa semana.

Poderán inscribirse persoas de 14 anos en adiante, e en cada correo electrónico poderán inscribirse un máximo de 4 participantes.

As visitas

Cada xornada inclúe dous itinerarios diferentes de 30 minutos de duración, e cada un deles correspondente a unha persoa que exerce de ‘guía ocasional’. Cada unha destas dúas persoas comeza o seu itinerario guiando a un grupo de 25 participantes e ao cabo da media hora, os participantes de cada grupo cambian de guía. (E a persoa guía volve facer o itinerario co seguinte grupo).

Ao final da segunda media hora, ambos grupos e ambas persoas guía re-encóntranse na planta superior do Sexto, zona terraza, onde se servirá un petisco de cortesía que funcionará como espazo de intercambio de opinións de xeito distendido. O horario destas visitas será de 12h a 13:30h.

Calendario e guías

As encargadas de inaugurar esta iniciativa serán a cantante Uxía Senlle e a actriz Isabel Risco, que serán as guías do domingo 7 de maio. A seguinte xornada, domingo 14, terán como guías ao director de cinema Jorge Coira e ao xornalista e blogger Manuel Gago. O domingo 21 serán a actriz e poeta María Lado e o xornalista Kiko Novoa os que se encarguen de guiar a visita; e o domingo 28 a escritora Iria Collazo e o actor e dramaturgo Quico Cadaval pecharán o ciclo.

26 de abril de 2017 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.