publicidade hoxe

Vigo repite como o concello español que antes paga aos seus provedores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, indicou que o Concello de Vigo abonou as facturas do primeiro trimestre do ano 12 días antes de que comece o prazo legal para facelo, cando a media das urbes en España ascende a 59 días. O goberno de Vigo presentou os datos no Pleno deste mércores.

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, presentou este mércores ante o Pleno o informe trimestral de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos para o pago aos provedores, documento que recolle os datos do Ministerio e sitúa ao Concello de Vigo á cabeza das cidades españolas no abono de facturas.

Aneiros indicou que Vigo xa estaba neste posto no último trimestre do pasado 2016 e agora repite coas cifras dos primeiros tres meses do presente ano, cando se efectuaron un total de 5.674 abonos por valor total de 32 millóns de euros.

O concelleiro de Facenda avanzou que o prazo medio das urbes españolas chega aos 59 días, xusto no límite legal, mentres que o Concello de Vigo cumpre cos seus compromisos doce días antes de que comece tal prazo de 30 días.

O voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, valorou os “bos” datos do Concello mais demandou “ir mellorando” ao estar “estancado” o período de pago municipal. A voceira do PP, Elena Muñoz, tamén salientou o abono “rápido” das facturas e achacouno aos máis de 90 millóns dos que dispón o Concello en caixa, mentres que denunciou unha rebaixa no número de pagos efectuados este primeiro trimestre con respecto ao anterior.

Execución do orzamento

Aneiros tamén deu conta na sesión plenaria deste mércores do estado de execución do orzamento de gastos e ingresos deste ano, correspondente ao primeiro trimestre. O edil apuntou que Vigo é das poucas cidades con orzamento en vigor e das mellores de España nos ratios que presenta.

Dos 32 millóns gastados nos primeiros tres meses, o edil do goberno vigués subliñou os recursos adicados a apoiar a contratación de case 300 profesionais en distintas entidades e organizacións sen ánimo de lucro ou os 400.000 euros xa destinados a axudas sociais.

Pola oposición, Pérez vaticinou que no 2017 acontecerá o mesmo que no ano pasado, cunha execución do 8% nos investimentos a finais de 2016. Muñoz insistiu na idea de que se repite o sucedido o pasado exercicio, denunciou lentitude no gasto e celeridade nos ingresos e augurou que non se terá gastado a final de ano todo o orzamentado como investimentos.

26 de abril de 2017 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.