publicidade hoxe

Uns 130.000 vehículos foron controlados en Santiago durante a última campaña de vixilancia da velocidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Durante os sete días (do 17 ao 23 de abril) que durou a última campaña de vixilancia e control de velocidade nas estradas de Santiago, impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico e posta en marcha pola Policía Local, foron inspeccionados 130.947 vehículos. Deles derivaron 118 infraccións por exceso de velocidade, o que representa o 0,09% do total.

Dos vehículos vixiados, 2.611 correspondéronse con controis efectuados a través de radar móbil en diferentes puntos da cidade, como o vieiro Camilo José Cela, o viaduto da Rocha, o Restollal, a vía Edison, o Cruceiro da Coruña ou o Avío. Destes controis deriváronse 39 denuncias por exceso de velocidade. O resto de controis efectuáronse a través do radar fixo do túnel do Hórreo.

Cómpre lembrar que na campaña do ano 2016, feita na mesma época, o número de denuncias chegou a case o 1% (0,91%), descendendo deste xeito o número de vehículos denunciados nun 0,82%.

A DXT valora especialmente a participación dos concellos nestas campañas de control, xa que as cidades son o escenario no que a maioría dos condutores se inicia na condución e adquire determinados hábitos e costumes. O exceso de velocidade, apunta a Dirección Xeral de Tráfico, incide na seguridade viaria, pero tamén ten unha influencia negativa sobre o medio ambiente, a calidade de vida e o consumo de combustible. O mal uso dos vehículos pode interferir no benestar dos residentes, e ter un impacto moi negativo sobre a seguridade dos usuarios dos viarios máis vulnerables, como os peóns ou os ciclistas.

Neste sentido, hai que lembrar que a partir de 80 km/hora é practicamente imposible que un peón se salve dun atropelo, mentres que a unha velocidade de 30 km/hora o risco de morte redúcese ao 10%. O cinto de seguridade proporciona protección aos ocupantes do automóbil para unha velocidade máxima de 70 km/hora no caso de impactos frontais, e de 50 km/hora nos impactos laterais.

26 de abril de 2017 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.