publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Soutomaior acolle no multiusos de Arcade a mostra fotográfica “Exodus”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSoutomaior
A-
A+

“Exodus: na procura de refuxio”, a mostra fotográfica coa que a Deputación de Pontevedra quere trasladar á cidadanía a súa preocupación polo drama que viven as persoas refuxiadas que foxen dos conflitos bélicos, chega ao concello de Soutomaior. A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas e o Deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, acompañados polo alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera Ocampo, e a concelleira de Cultura, Dolores Cernadas, inaugurarán este mércores a exposición no Multiusos de Arcade. A mostra estará aberta ao público ata o 10 de maio cun horario de 15:30h a 20:30h horas os luns, martes, xoves e venres, e os mércores de de 9:00 a 14:00 horas.

“Exodus” foi elaborada polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre os meses de setembro e outubro de 2015, documenta as vivencias dos refuxiados e refuxiadas que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa. O nome deste traballo provén dos termos latino e grego que significan “saída”, ao precisamente retratar a persoas que escapan de países en conflito, arriscando as súas vidas ata, moitas desas persoas, chegar a perdelas no mar Mediterráneo. A mostra tamén ten un carácter crítico coa Unión Europea e o abandono dos seus principios de solidariedade.

Cómpre lembrar que Europa se está a afrontar á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito en 2015. Un 25% delas eran menores de idade e, ademais, arredor de 3.700 persoas morreron no intento de cruzar o mar Exeo.

O seu camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de humanidade dirixido polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades. A súa desesperación móveos a arriscar as súas vidas e a das súas familias por un futuro en paz. Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo ata as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade. En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras. Os refuxiados cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, ao sur de Macedonia, na fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dúas mil persoas ao día deixan a súa pegada nunha inhóspita paraxe.

25 de abril de 2017 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.