publicidade hoxe

Raquel Castro presenta en Salvaterra a súa última obra narrativa, “Nº atómico 74”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSalvaterra de Miño
A-
A+

presentacion-n-atomico-74Este sábado, 29 de abril, ás 19.30 h, a Casa da Cultura de Salvaterra de Miño acolle a presentación de “Nº atómico 74”, a nova obra narrativa de Raquel Castro Martínez.

O nº atómico 74 correspóndese co volframio, mineral que os alemáns viñeron buscar ás minas de Galicia. Naqueles tempos, nos que aquí había alemáns, e nos de agora, coas minas abandonadas, desenvólvese esta novela na que un rapaz, a piques de entrar na adolescencia, descobre o seu pasado, un pasado que será a chave para poder vivir o futuro.

Un contexto histórico real no que se solapan as lendas galegas dos lobishome: “Sete nenas tivo miña tataratataratataravoa, foi o oitavo un home, que naceu un 24 de decembro ás doce da noite e nada máis saír á vida matou a súa nai do susto cando, a malpocada, comprobou que acababa de parir un lobo. Dende aquela acompañounos o fado e así, xeración tras xeración, todos os varóns da familia Fontao somos homes lobo”. 

Colaboración 

“Nº atómico 74” está editado por Edicións Fervenza e para a súa publicación, contouse coa colaboración do Concello de Salvaterra de Miño e do Concello de Vila de Cruces. Así mesmo, esta obra conta coa inestimable colaboración de Xosé Ceferino Castro, autor das ilustracións.

Na presentación 

No acto do sábado en Salvaterra, participarán a concelleira de Cultura de Salvaterra, Marta Valcárcel; o historiador Alberte Alonso, o arquitecto e ilustrador do libro, Xosé Ceferino Castro; e a autora do libro, Raquel Castro Martínez.

Durante o acto, contaremos coa participación dunha actuación musical.

Raquel Castro Martínez 

Raquel Castro Martínez (Alxén, Salvaterra de Miño). Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Filoloxía Hispánica, traballa como profesora de Lingua galega e literatura no Ensino Secundario. 

A súa gran afección é a dramaturxia e dirixe o grupo de teatro amador “Ata Sempre” de Alxén dende o ano 1999. Dende aquela, escribe obras de teatro tanto para o grupo de adultos coma para o de nenos e nenas. Ademais, imparte talleres de teatro nos institutos onde traballa, para o alumnado de secundaria.

Con Edicións Fervenza, publicou no ano 2015, dentro da colección de teatro A Pinguela, as obras A vendedora de palabras e A meiga e o emperador. No 2016, da man de Editorial Galaxia, publica As terapias da doutora Ledicia, obra coa que gañou o premio de honra no “Premio Estornela” que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas.

Tamén na súa faceta literaria está o relato, claro exemplo son os títulos Pensamentos, gañador do Premio Francisco Fernández del Riego e Un café só, obra que se fixo co concurso “Igualando a lingua” do concello de Cee.

Xosé Ceferino Castro

Arquitecto de formación, e de profesión, na actualidade exerce como profesional libre. Ilustrador por casualidade e afeccionado á fotografía de arquitectura.

Ademais do seu labor como profesional desenvolve iniciativas en defensa do patrimonio, como Palcos da música, participou activamente dende o seu colexio profesional na revisión da lei de patrimonio de Galicia e dos Catálogos da paisaxe. Integrante dos equipos de traballo para a redacción da Guía de cores e materiais de Galicia.

27 de abril de 2017 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.