publicidade hoxe

Quintana pon a Ceamsa como exemplo de innovación e de diversificación nos usos das algas mariñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Porriño
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe en Atios, O Porriño, a empresa Compañía Española de Algas Mariñas (Ceamsa), da que destacou a súa aposta pola innovación e a súa capacidade para dotar de valor engadido ás algas, extraendo delas compoñentes que se usan na industria alimentaria, na farmacéutica e na cosmética.

Durante a visita, na que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, a titular de Mar tamén valorou a exclusividade da actividade desta empresa, a primeira do mundo na fabricación de carraxenato, un espesante natural e xelificante que extraen das algas e que se usa principalmente na industria alimentaria e tamén na farmacéutica e cosmética. Ademais Ceamsa é o unico fabricante de España na produción desta substancia e de pectina, outro compoñente extraído das algas que tamén se utiliza como espesante nas industrias mencionadas anteriormente.

Tamén destacou a vontade exportadora desta empresa, que está apostando por chegar a un maior número de mercados internacionais. De feito, engadiu, baralla a posibilidade de abrir novas instalacións en Arxentina ou Perú, como xa fixo en Filipinas.

En canto ás algas, Rosa Quintana explicou que son un produto de crecente descarga en Galicia, xa que nos últimos dous anos e con respecto á serie histórica 2004-2014 a súa descarga medrou de xeito exponencial. De feito, tanto a media de descargas como de facturación incrementáronse en arredor dun 400%.

Ademais engadiu que son unha alternativa e complemento para as 49 embarcacións autorizadas en Galicia para a súa extracción. Tamén para as persoas que faenan ao abeiro dos 16 plans desta especie e das autorizacións ás catro empresas que poden extraer algas no litoral galego, subliñou.

Ceamsa

A empresa porriñesa Compañía de Algas Mariñas (Ceamsa) dedícase á fabricación e subministro de aditivos alimentarios a partir dunha ampla gama de algas. Ten 51 anos de historia e foi a primeira que se instalou a finais dos anos 60 no parque empresarial das Gándaras, no Porriño.

Ten 250 traballadores no Porriño e outros 100 en Filipinas, onde posúe unha factoría desde o 2008 destinada a producir materia prima. Ademais posúe unha rede de distribuidores locais en 57 países dos cinco continentes e oficinas comerciais no Xapón, China e Arxentina. A empresa pasou de facturar 6 millóns euros antes do ano 2000 aos máis de 70 millóns de euros do ano pasado.

28 de abril de 2017 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.