publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Publícase a nova convocatoria dos obradoiros e seminarios para as comunidades galegas no exterior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se establecen as bases reguladoras para o desenvolvemento de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega en colaboración coas entidades galegas do exterior.

Concretamente e na edición deste ano, os obradoiros convócanse para as especialidades de baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, artesanía (encaixe de palillos e confección de traxe tradicional), cociña galega, e seminarios de cultura galega. No caso destes últimos, consolídanse na convocatoria debido á súa demanda por parte dos propios centros e comunidades galegas do Exterior, despois de térense estreado con óptimo aproveitamento en pasadas edicións.

A formación desenvolverase ao longo de 15 días, cun tempo docente total de 40 horas, agás no caso dos obradoiros de cociña e seminarios de cultura, cuxa duración e tempo lectivo redúcese á metade.

Emigración destina neste ano orzamentario para esta iniciativa 90.000 euros, cos que sufraga a remuneración do docente, o co custo do desprazamento do formador ao lugar de realización do curso, o custo do material necesario para impartir os obradoiros de carácter artesanal, de cociña, seminarios de cultura galega e, se é o caso, do seu envío, e o custo de elaboración dos contidos dos obradoiros e o seu desenvolvemento.

Obrigas das comunidades

Pola súa banda, as entidades galegas fanse cargo dos gastos de estadía e manutención do formador en lugar en condicións axeitadas, dos gastos de traslado do formador dentro da cidade onde teña lugar o curso, da xestión e dotación das instalacións axeitadas, e da subministración doutro material funxible necesario.

Na convocatoria, que fixa nun mes o prazo de presentación das solicitudes, estipúlanse asemade a documentación necesaria e o procedemento e criterios de valoración para a adxudicación dos cursos, así como os sistemas de seguimento e control. A publicación no DOG consolídase nas primeiras semanas do ano, co obxectivo de que as persoas que viaxen ao abeiro do programa teñan tempo abondo para planificaren os seus desprazamentos ata e en Galicia.

É de salientar que o alumnado destes obradoiros, grazas á instrución e mellora das súas habilidades, acrecentan o seu interese e vinculación con Galicia. Así, e segundo o secretario xeral da Emigración Antonio Rodríguez Miranda, “a formación espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia, pero sobre todo fornécese a ligazón entre a Galicia territorial e os seus fillos espallados por todo o mundo. Esa ligazón das segundas xeracións de galegos residentes no estranxeiro coa terra dos seus pais e avós é un activo fundamental e unha importante avantaxe competitiva para o progreso de Galicia, e a súa proxección exterior”.

Ata o momento, formáronse directamente nas distintas edicións dos obradoiros e seminarios convocados por Emigración desde hai máis de 20 anos, máis de 50.000 alumnos.

17 de abril de 2017 | 16:26 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario