publicidade hoxe

Preséntase o VI Torneo Internacional de Ximnasia Rítmica “Vila de Ribadavia-Ourense Provincia Termal”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaOurenseRibadavia
A-
A+
Presentación do VI Torneo Internacional de Ximnasia Rítmica "Vila de Ribadavia-Ourense Provincia Termal"

Presentación do VI Torneo Internacional de Ximnasia Rítmica “Vila de Ribadavia-Ourense Provincia Termal”

O VI Torneo Internacional de Ximnasia Rítmica “Vila de Ribadavia-Ourense Provincia Termal” terá lugar os vindeiros días 13, 14 e 15 de abril, no Pazo dos Deportes “Paco Paz”. A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González: o xefe do Servizo de Deportes da Xunta, Mario Guede; e o presidente e a adestradora do Club Marusia, Juan Abal e Pilar Vázquez, respectivamente.

Rosendo Fernández destacou a importancia de desenvolver este evento deportivo que sitúa á provincia de Ourense “no primeiro plano da Ximnasia Rítmica Nacional e contribúe no desenvolvemento económico da provincia, fomentando o turismo e dando a coñecer os nosos produtos”. Asemade, o vicepresidente da Deputación de Ourense lembrou a traxectoria deste Torneo que foi incrementando en cada edición o número de participantes chegando, nesta sexta edición, “aos máis de 1.000 ximnastas procedentes de 38 clubs de Galicia, Asturias, Castela e León, Castela-A Mancha, A Rioxa, País Vasco, Murcia e Portugal”.

“Mostra do interese que suscita este evento entre os clubs desta disciplina deportiva é que as inscricións para o mesmo pecharon en só 50 minutos”, engadiu Rosendo Fernández.

No relativo á programación, Juan Abal explicou que o evento, organizado polo Club Marusia Ourense, comezará o xoves, 13 de abril, coa competición de conxuntos escolares e conxuntos de promoción e individuais de promoción. Ao día seguinte, o venres, 14 de abril, será a quenda para a competición de ximnastas de base, pola mañá, e federadas, pola tarde. Ademais, o presidente do Club Marusia destacou a repercusión “económica” e “turística” que ten este evento na provincia de Ourense.

Por último, o sábado, 15 de abril, terá lugar unha Master Class de Ximnasia Rítmica, cunha duración de 7 horas, sobre o manexo dos diferentes aparatos empregados nesta disciplina deportiva impartida pola medalla de ouro olímpica, Margarita Mamun. Nela participarán “150 ximnastas, 40 adestradoras de diferentes clubs do panorama nacional, así como a xente que estará nas gradas como ouvintes”, dixo a adestradora do Club Marusia, quen engadiu que “as inscricións para participar nela remataron aos 20 minutos”. Trala Master Class terá lugar unha gala de clausura, a partir das 20.00 horas.

Mario Guede destacou a “calidade dos participantes” neste evento e invitou a todos os ourensáns a “gozar desta disciplina deportiva no Pazo dos Deportes para o cal a entrada será gratuíta”. Pola súa parte, Bernardino González agradeceu ao Club Marusia “o labor que realiza en materia social coas súas escolas, así como a organización deste evento de tanta participación e calidade, que na súa sexta edición, pode considerarse unha cita deportiva consolidada na nosa provincia”.

10 de abril de 2017 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.