publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os gardacostas requisan dúas toneladas de peixe e marisco e de 450 útiles en distintos controis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaRiveiraSucesos
A-
A+

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto de dúas toneladas de peixe e marisco e de 450 útiles de pesca en diversos controis realizados nos últimos días. Tamén se aprehenderon de máis de 5.000 metros de aparellos de enmalle. Estes son os resultados de distintos controis de comercialización e de loita contra o furtivismo por mar e terra, que a Consellería do Mar está a intensificar nos días previos a Semana Santa.

A maioría do peixe comisouse na ría de Vigo, onde os axentes requisaron 1.531 quilos de peixe, 74 útiles e 3.350 metros de artes de enmalle. O control máis destacado foi na Guarda e saldouse co comiso de 1.500 quilos de cabala e 20 quilos de robaliza e coa incautación de 3.000 metros de artes de enmalle e 74 nasas de ferro, debido a que estaba todo sen identificar.

A ría de Pontevedra tamén foi escenario de distintas actuacións nas que os gardacostas se aprenderon de máis de 127 quilos de distintas especies e de 310 útiles. A actuación máis relevante realizada nesta ría foi na illa de Onza e nela os axentes requisaron 131 nasas por estar sen balizar e en zona prohibida, 40 quilos de polbo e 10 quilos de distintas especies de peixe.

Na ría de Arousa os axentes tamén fixeron varios controis que se saldaron co comiso de preto de 152 quilos de distintas especies de peixe e marisco e coa incautación de 30 útiles e de 850 metros de artes de enmalle. Unha das actuacións realizouse en Corrubedo e saldouse co comiso de 30 quilos de mexillón e nove quilos de percebe.

Na ría de Muros-Noia os operativos realizados deron como resultado o comiso de máis de 51 quilos de peixe e a incautación de máis de 250 metros de artes de enmalle. Un deles foi na zona de Santa Mariña e nel os gardacostas aprehendéronse 16 quilos de nécora e de 150 metros de artes de enmalle.

A ría da Coruña tamén foi escenario de varios controis nos que os axentes requisaron 74 quilos de distintas especies de peixe e marisco, dous útiles e 700 metros de artes de enmalle. Un deles foi no porto da Coruña e resultou co comiso de máis de 37 quilos de ourizo. Ademais na ría de Corme e Laxe os axentes comisaron en distintos operativos 27 quilos de distintas especies e 30 nasas. Estas nasas foron incautadas nunha actuación en Corme debido a que estaban sen identificar e nesta actuación os axentes requisaron ademais nove quilos de polbo e un quilo de distintas especies de peixe.

Tamén desenvolveron controis na ría de Ares, que deron como resultado o comiso de 16 quilos de distintas especies de peixe e marisco e dun aparello. Ademais nun operativo realizado na praza de abastos de Padrón requisaron cinco quilos de carioca e case outros cinco quilos de congro.

10 de abril de 2017 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.