publicidade hoxe

Os “Encontros ao vivo” chegan á zona urbana sureste este venres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Mañá venres celebrarase o terceiro dos “Encontros ao vivo” convocados polo Goberno local para render contas diante da cidadanía e para recoller as súas queixas e suxestións. A cita será a partir das 19:30 horas no Centro Sociocultural do Castiñeiriño.

O terceiro “Encontro ao vivo” está dirixido á veciñanza da área urbana sureste, que comprende os barrios de Sar, Pontepedriña, Restollal, Lamas de Abade e Castiñeiriño, nos que viven máis de 10.000 persoas. Na reunión farase un repaso polos datos da auditoría cidadá que foi elaborada no primeiro ano e medio de mandato a partir das suxestións tanto das asociacións e colectivos veciñais, como de veciños e veciñas a título individual.

O alcalde, Martiño Noriega, e todas as concelleiras e concelleiros do goberno darán conta das demandas que se teñen atendido, e explicarán os motivos de non ter respondido a algunhas outras. Despois, os asistentes poderán falar para formular novas demandas ou expresaren as súas opinións.

Para garantir que todos os asistentes teñan a oportunidade de falar, os “Encontros ao vivo” estarán dirixidos por profesionais da mediación, que medirán tempos e favorecerán a diversidade de todas as achegas. Tamén haberá intérprete da lingua de signos e un servizo de conciliación, para facilitar a asistencia de toda a veciñanza.

Nove “Encontros ao vivo” ao longo do ano

Os “Encontros ao vivo” forman parte da aposta pola participación cidadá que fai o Goberno local. Estas xuntanzas completan os procesos iniciados coa auditoría cidadá elaborada a partir das ducias de reunións mantidas coas diferentes asociacións de Compostela, e coa posta en marcha dos orzamentos participativos.

O obxectivo é abarcar todo o territorio de Compostela con estes actos, e por iso están planificados nove “Encontros ao vivo”, seis en áreas urbanas e tres en áreas rurais. En cada un deles, agruparanse varios barrios ou parroquias, de xeito que se poderán tratar temas concretos que lles afecte á súa veciñanza, ou asuntos de interese para o conxunto da cidade.

27 de abril de 2017 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.