publicidade hoxe

O treito de senda peonil e ciclista entre Soutullo e Major no que se investirá un millón de euros, estará finalizado antes do verán de 2018

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO GrovePontevedraSanxenxo
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe o inicio das obras dun novo treito da senda peonil e ciclista que conectará A Lanzada e Portonovo, na estrada PO-308, concretamente o que une Soutullo e Major, que estará finalizado antes do verán de 2018.

Estes traballos, cun investimento de preto dun millón de euros, tal e como se tiña comprometido a Xunta, comezaron a semana pasada para dar continuidade ata a praia de Major ao itinerario que agora mesmo está en plena execución entre A Lanzada e Soutullo.

Vázquez Mourelle explicou que o deseño desta senda contempla como protagonistas o peón e o ciclista, e como obxectivos primordiais, incrementar a súa seguridade e calmar o tráfico nesta área tan concorrida.

O novo treito irá ao longo de 1,2 km da estrada, construíndo sendas cun ancho mínimo de 2 metros, pola marxe esquerda, do lado do mar, cun itinerario mixto, para peóns e ciclistas, desde a glorieta que se está a executar en Soutullo ata a entrada do areal de Major, dando continuidade a xa iniciada desde A Lanzada; e pola dereita, unha senda peonil desde Soutullo ata pasar o circuíto de karts, para conectar os servizos e as vivendas e favorecer a mobilidade cara a este punto de ocio.

No marco deste proxecto, tamén se acondicionarán 121 prazas de aparcadoiro, 4 para persoas con mobilidade reducida, co obxectivo de evitar a situación que se produce na tempada do verán, cando os vehículos invaden beiravías ou as marxes da estrada para aparcar. Ademais, melloraranse as dúas interseccións existentes.

A conselleira lembrou que as obras do primeiro treito, entre A Lanzada e Soutullo, ao longo de 2,7 km e cun investimento de 3,3 millóns, avanzan a bo ritmo, xa que están executadas nun 60%. Concretou que este itinerario estará rematado en prazo, no verán, tal e como se tiña previsto nun principio co obxectivo de que estea preparada para o uso e desfrute por parte de veciños e turistas.

En canto ao tramo que conectará Major e Portonovo, o proxecto está en fase de redacción, e prevese telo finalizado no verán, para iniciar a contratación das obras este mesmo ano para dar continuidade á senda, polo lado do mar, ata a entrada de Portonovo.

Ethel Vázquez subliñou que o Goberno galego continúa avanzando con paso firme na construción da senda para unir A Lanzada e Portonovo, que suporá un investimento global duns 6,5 millóns de euros.

A titular de Infraestruturas fixo fincapé en que se trata dunha actuación beneficiosa para veciños e visitantes, desde un punto de vista da seguridade viaria, pero tamén ambiental e de dinamización da zona, xa que permitirá converter unha estrada para vehículos nunha infraestrutura na que tamén peóns e ciclistas poidan circular con comodidade e seguridade.

28 de abril de 2017 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.