publicidade hoxe

O ‘Tic, Tac, Toc’ do ‘FalaRedes’ chega este sábado ao Grove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioO Grove
A-
A+

O ‘FalaRedes’, programa que impulsa a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nos concellos que forman parta da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), fará parada esta fin de semana na comarca do Salnés. Os protagonistas serán Pablo Díaz e o seu espectáculo musical ‘Tic, Tac, Toc’, que chegarán á Casa da Cultura Lueiro Rey para ofrecer un concerto en directo, ás 18:00 horas.

O músico coruñés, unha das figuras máis recoñecidas do panorama musical infantil galego, acompáñase nesta xira por Diego Barral (guitarra) e Álex Fente (acordeón). Con esta nova proposta, especialmente pensada para familias con cativada de ata sete anos, búscase a transmisión efectiva da lingua a través da música. A actividade é de entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala.

A do Grove será a undécima parada de Pablo Díaz no Falaredes 2017. Desde o pasado 25 de marzo o espectáculo ‘Tic, Tac, Toc’ percorreu A Estrada, Narón, Verín, Vilalba, Boqueixón, Palas de Rei, Celanova, Barbadás, Outeiro de Rei e Burela. A xira proseguirá ata o 20 de maio, data na que o ‘FalaRedes’ despedirá esta actividade cun concerto moi especial no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

Próximas paradas: Ponteareas, Outes e Boiro

Mais antes do punto e final, o ‘Tic, Tac, Toc’ aínda fará sete paradas noutras tantas vilas do país. As seguintes, despois da deste sábado no Grove, están marcadas para a primeira fin de semana de maio. O sábado, día 6, Pablo Díaz estará, ás 12:00 horas, no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas. Esa mesma xornada, ás 18:30 horas, recalará na Casa da Cultura de Outes. O domingo a cita é, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Boiro.

A recta final, antes da clausura en Santiago, aínda levará a Pablo Díaz o sábado 13 de maio ao Carballiño (Auditorio Municipal, 12:30 horas) e á Cañiza (Casa da Cultura, 19:30 horas); e o domingo 14 de maio polas vilas da Laracha (Casa da Cultura, 12:00 horas) e Betanzos (Aula de Cultura Xulio Cuns, 18:00 horas).

‘FalaRedes 2017’

A sexta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do ‘FalaRedes’ percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

27 de abril de 2017 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.