publicidade hoxe

O presidente da Xunta visitará Porto cunha axenda que inclúe actos de carácter científico, cultural e económico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, invitado polo alcalde de Porto, realizará mañá martes unha visita oficial á cidade, cunha axenda que incluirá actos de carácter científico, cultural e económico.

A visita comezará pola mañá na Câmara Municipal do Porto, onde Feijóo recibirá da man de Rui Moreira a Medalla de Honor da cidade –a maior condecoración da cidade- pola súa contribución ás relacións entre Galicia e o Norte de Portugal.

Este recoñecemento súmase ao recibido polo titular da Xunta o pasado ano, cando o presidente de Portugal lle outorgara a Gran Cruz da Orde do Infante Don Henrique, unha das máximas condecoracións que concede a Presidencia da República para agradecer, con motivo do Día de Portugal, os servizos prestados na expansión da cultura portuguesa, a súa historia e os seus valores.

Posteriormente, o titular da Xunta visitará o Parque de Ciencia e Tecnoloxía e o Instituto de Investigación e Innovación en Saúde, I3S, da Universidade de Porto, onde coñecerá de primeira man as liñas de colaboración que, en materia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación, están a desenvolver as dúas rexións.

Entre os actos culturais destacan a ofrenda floral a Rosalía de Castro, que terá lugar xunto á estatua da escritora galega, na praza de Galicia, e unha visita á exposición do pintor catalán Joan Miró, na Casa de Serralves.

O presidente do Executivo galego concluirá a súa visita oficial cun acto coa Asociación Comercial de Porto, no Palacio da Bolsa, onde impartirá unha conferencia.

Desde a súa chegada á Xunta en 2009, son xa varias as visitas que o presidente do Goberno galego realizou ao país, no compromiso por relanzar, modernizar e actualizar os vencellos entre Portugal e Galicia, potenciar ambas as culturas e afianzar a amizade e a cooperación entre os dous territorios veciños.

17 de abril de 2017 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.