publicidade hoxe

O obradoiro ‘Concellos rurais de Valdeorras’ deu un posto de traballo a 20 persoas desempregadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA VeigaCarballeda de ValdeorrasLaroucoO BoloRubiá
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Concellos rurais de Valdeorras, promovido polos concellos da Veiga, O Bolo, Rubiá, Larouco e Carballeda de Valdeorras. Nos actos, Díaz Mouteira puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes no sector da xardinería.

Na visita tamén estiveron presentes os alcaldes e representantes dos municipios que promoveron este obradoiro.

A máxima representante da Xunta en Ourense salientou que “apostar pola formación e a aprendizaxe é apostar pola creación de empregos estables e de calidade”, e neste senso indicou que unha das prioridades do Goberno galego é mellorar a cualificación dos traballadores e traballadoras, ofrecéndolles unha formación vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional, como é o caso dos obradoiros.

Actuacións

O alumnado de Concellos rurais de Valdeorras durante os seis meses que durou esta iniciativa laboral, logo da súa etapa inicial de formación, puxo en práctica os coñecementos adquiridos. Así, no concello da Veiga remodelaron e acondicionaron o lugar coñecido como Praia de Coiñedo; en Carballeda de Valdeorras executaron o acondicionamento dos camiños Regueiro de Augas e o de Inverno, no lugar de Pumares, amais de acondicionar a travesía de Sobradelo; o camiño de Inverno ao seu paso por Quereño, pertencente ao concello de Rubiá, tamén foi remodelado; en Larouco, o alumnado dedicouse á recuperación de zonas verdes das piscinas municipais, Freixido, e a zona das escolas en Seadur;por último, polo que respecta ao concello do Bolo, axardinaron o espazo de entrada á igrexa de Tuxe.

Este obradoiro contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 180.000 euros.

Nova convocatoria

Marisol Díaz aproveitou a clausura para destacar o “compromiso claro de colaboración institucional da Xunta cos concellos para traballar na creación de postos de traballo no futuro”. Os obradoiros de emprego, aos que se destinan 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que a convocatoria pasada, teñen por obxecto mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo.

Este ano inclúense diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción. Ademais, ampliarase a duración ata os nove meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen. O Goberno galego prevé con esta convocatoria beneficiar a 1.600 persoas.

A delegada territorial avanzou que o vindeiro luns 10 de abril sairá publicada no DOG unha nova edición do programa específico para talleres dirixidos a menores de 30 anos, a través do Sistema de Garantía Xuvenil. O impulso do emprego xuvenil é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, a mocidade sigue sendo un colectivo prioritario para a Xunta. Primarase na vindeira convocatoria a aquelas persoas mozas que non recibiran atención anteriormente no Programa de Garantía Xuvenil.

5 de abril de 2017 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.