publicidade hoxe

O Museo de Pontevedra incorpora ás salas de exhibición unha escultura da Virxe do Leite do século XV logo de restaurala coa súa cabeza orixinal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

O deputado de Cultura, Xosé Leal, presentou hoxe no Museo de Pontevedra a escultura dunha Virxe do Leite do século XV que vén de incorporarse ás salas de exhibición e que ten unha curiosa singularidade: chegou cunha cabeza que non lle correspondía e finalmente foi restaurada coa orixinal logo de que os técnicos do Museo descubriran que estaba entre os fondos provinciais.

Leal, xunto do director do Museo Carlos Valle, agradeceu a doazón da familia Núñez Sobrino e indicou que o Museo “segue a ser unha referencia para as persoas que queren doar a súa obra xa non só en relación á parte expositiva, senón tamén en canto á restauración”. Sinalou que todos os técnicos do Museo “son dos máis competentes do estado, por non dicir do Mundo” e subliñou, en relación ao traballo concreto coa Virxe do Leite, que se fixo “unha restauración histórica2 que permitiu “que ao final as cousas volveran ao seu sitio”.

“Seguimos a ser un Museo vivo, que preserva o seu pasado, que expoñemos neste presente, e que no futuro vai servir para que as xeracións vindeiras sigan a gozar del” , dixo, para insistir en que a calidade do traballo de investigación, restauración e exposición do plantel do ente provincial permite seguir incrementando fondos.

Pola súa parte, o representante da familia doadora, Ángel Núñez Sobrino, asegurou hoxe que para el é unha “auténtica marabilla” ver incorporada ao Museo de Pontevedra unha peza tan vencellada á súa familia. Núñez Sobrino explicou que a Virxe do Leite provén da finca familiar de A Caeira: “Meus irmáns, un curmá e mais eu xogabamos preto destas pezas. Chamábanos a atención a virxe, senón tamén o par de capiteis que a acompañaban. No ano 1968 cando se vendeu esa finca houbo vontade de que as tres pezas, que me gustaban de xeito institivo con só 13 anos, fosen a outra finca preto de Santiago, en Cequeril, ata hai uns anos, cando chegaron ata este fabuloso Museo”.

Orixe no convento de San Domingos

Finalmente, o director do Museo, Carlos Valle explicou que a peza da Virxe do leite está realizada en granito e é datable do último cuarto do século XV “froito do traballo dun escultor cuxas formulacións estilísticas están ben acreditadas tanto na cidade de Pontevedra, do convento de San Domingos, de onde verosimilmente procede, como noutros lugares da provincia”.

Valle sinalou que a virxe foi doada ao Museo hai uns anos, xunto con dous capiteis da segunda metade do século XIV, con probabilidade procedentes tamén do citado conxunto conventual pontevedrés. Explicou que as tres obras formaron parte da colección reunida no seu día polo seu antepasado Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1915-1959.

En relación á singularidade do sucedido coa cabeza da escultura, o director do Museo indicou que “na documentación gráfica dos anos cincuenta que custodia a familia doadora a Virxe aparece en momentos diversos con cabezas distintas e tamén decapitada. A que exhibía cando entrou no Museo, onde hoxe tamén se acha, non era, sen embargo, a orixinal, unha discordancia avaliada tanto pola torpeza da súa unión co corpo como polo tipo de granito empregado na súa execución, datos comprobados con precisión durante o minucioso proceso de restauración ao que se someteu a obra no tallar do propio Museo”.

A cabeza orixinal exhibírase como tal durante moitos anos nunha vitrina ubicada na planta baixa do edificio García Flórez. Fora mercada, segundo consta no Libro de Rexistro do Museo, no ano 1964, especificándose que procedía dunha finca da Caeira (Poio). “Unha carta de Filgueira a Sánchez Cantón escrita o 1 de outubro de 1964 dános pistas sobre o seu achado: “Compramos una preciosa cabecita de rey (¿Mago?) del XV encontrada en … La Caeira”, dicía. Non sabemos por que motivo se cambiou a cabeza nin tampouco cal foi a causa de que a primeira, a orixinal, a que mercou o Museo, cambiase de mans. O que resulta sorprendente é que, medio século despois de tal feito, mercé á xenerosidade da familia Núñez Sobrino, as pezas volvan reunirse na entidade pontevedresa”, destacou Valle.

A Virxe do Leite móstrase, como un todo xa, nunha sala do Museo na que figuran tamén obras emblemáticas como o tímpano de Santa María de Vigo ou a efixie funeraria de Sueiro Gómez de Soutomaior, obras froito da actividade do mesmo equipo de escultores ao que pertenceu o que executou a imaxe da virxe que hoxe se presentou publicamente.

12 de abril de 2017 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.