publicidade hoxe

O DOG publica a aprobación das expropiacións necesarias para a construción dunha senda na estrada AC-840 cun investimento de 500.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCurtis
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación das expropiacións para a execución dunha senda na estrada AC-840, entre a travesía de Curtis e Alto da Espeniña, no Concello de Curtis. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este decreto: goo.gl/eBAB3x

O Goberno galego financia estas actuacións coa achega dun investimento de máis de 495.000 euros e está prevista a licitación do contrato proximamente.

O Decreto de Utilidade Pública comprende as expropiacións das 11 fincas necesarias para a execución dun itinerario seguro e accesible para uso peonil na estrada AC-840 (Betanzos – límite de provincia– Agolada) no Concello de Curtis, dende Alto da Espeniña ata a intersección existente coa AC-230, na travesía de Curtis.

Executarase unha senda peonil na marxe dereita da AC-840 que terá unha lonxitude de 1.730 m, no tramo comprendido entre o Pq. 20+145 (en Alto da Espeniña, dando continuidade a un camiño existente) e o 21+880 (intersección coa estrada autonómica AC-230, en Curtis). A sección tipo consta dunha senda de 2,1 metros de ancho mínimo, de formigón coloreado e separada da calzada por unha zona axardinada de 0,5 m mais cuneta de seguridade.

As obras previstas comprenden a mellora da intersección coa estrada ao cemiterio para facilitar os cambios de sentido nese punto, e a rehabilitación do firme na contorna da mesma, así como a execución de dous muros de contención do terreo.

Coa execución da senda existirá un itinerario peonil continuo neste tramo, no que se localiza un importante número de vivendas, o que ocasiona na zona un notable tránsito de peóns que actualmente ten que circular pola beiravía.

18 de abril de 2017 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.