publicidade hoxe

O Concello de Vigo modifica a ordenanza para habilitar praias aptas para cans no verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Corporación aprobou inicialmente este mércores a actualización da Ordenanza Municipal para a Protección e Tenencia de Animais. Cando se aprobe de forma definitiva, o goberno de Vigo designará os areais, que terán que recibir o visto bo de Costas.

O goberno vigués levou este mércores ao Pleno da Corporación a aprobación inicial da modificación da Ordenanza, que saíu adiante co apoio dos grupos do PSOE e Marea e a abstención do PP. Ábrese agora un prazo dun mes de exposición pública para presentar alegacións, que serán resoltas antes de volver a Pleno para a aprobación definitiva.

A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, explicou que o Concello conta con 5.000 sinaturas que respaldan a iniciativa municipal de designar praias ás que poidan acceder os cans tamén nos meses de verán, de xuño a setembro, ambos incluídos, datas nas que actualmente está prohibido.

Unha vez o cambio da normativa estea en vigor, o goberno de Vigo asignará os areais aptos para cans no verán, que terán que ser ratificados por outras administracións. Lago indicou que Costas establece requisitos a cumprir, como a non existencia de marisqueo no entorno da praia ou a posibilidade de empregar maquinaria para a súa limpeza.

O PP abstívose na votación e anunciou a presentación de emendas ao texto. O edil Diego Gago ve “necesaria” a actualización da norma mais “insuficiente” e solicitou acompañala de campañas de concienciación. Gago propuxo melloras na regulación, na identificación dos animais e na eliminación do sacrificio como opción, e puxo en dúbida que a modificación da ordenanza estea lista para este verán.

Chus Lago pechou o debate asegurando que si será posible ter a normativa modificada de cara a este verán e defendeu a mellora impulsada polo goberno de Vigo en materia de animais, ao ter duplicado o convenio coa Protectora, sumado un novo veterinario, sen sacrificar animais salvo por criterios profesionais e con preto de 4.000 gatos esterilizados para controlar a colonia urbana.

26 de abril de 2017 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.