publicidade hoxe

O CGAI recupera a figura de William A. Wellman, director de clásicos de Hollywood

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) ofrece a partir de mañá e durante o mes de maio un ciclo dedicado ao director do Hollywood clásico William A. Wellman. O programa inclúe un total de 9 películas, entre as que se contan algúns dos seus títulos máis representativos, como El enemigo público (1931) ou Incidente en Ox-Box (1943), fitas que revitalizaron os xéneros do cine negro e o western, respectivamente.

Integrado no sistema, mais crítico con el, a filmografía de Wellman eríxese hoxe como unha das máis relevantes do Hollywood clásico. A súa entrada na fábrica dos soños estivo ligada á aviación, tema de moitas das súas obras. O seu primeiro éxito foi precisamente Alas, en 1927, coa que se abre o ciclo mañá ás 19,30 h. Esta fita conta con algunhas das secuencias de combate aéreo máis realistas xamais filmadas. A veracidade destas escenas era unha obsesión de Wellman, pois el mesmo combatera como ala do escuadrón Lafayette na Primeira Guerra Mundial. Estas lembranzas marcarían, de feito, a trama da última longametraxe dirixida polo norteamericano en 1958, dedicada a este escuadrón.

Escultor dos xéneros de Hollywood

Xa no período sonoro, Wellman puido vangloriarse de ser un dos realizadores que máis porían de relevo a definición dos xéneros hollywoodianos. El enemigo público (que se pasa na filmoteca o 27 de abril ás 18,00 e ás 20,30 h.) definiu o seu estilo sobrio e directo, cunha violencia clara a explícita, que herdarían moitos filmes posteriores. Mantense, a día de hoxe, como unha das xoias do policíaco en Hollywood.

Similares logros atinxiu no western, ao levar o xénero fóra dos seus terreos habituais con enfoques progresistas difíciles de encaixar na época e nun ambiente tan conservador coma o do cine industrial norteamericano. Incidente en Ox-Box (tamén no ciclo, xa en maio) caracterízase, por exemplo, pola súa crítica á violencia e ao racismo. Considerada película de culto, quizais só rivalice con Caravana de mujeres no canon cinéfilo actual, obra na que destaca un protagonismo feminino de mulleres fortes, tamén pouco habitual para aqueles tempos.

O seu único Oscar, como guionista, gañaríao porén cunha película dramática, Ha nacido una estrella (1937), sobre as dificultades dunha actriz nova para sobrevivir a Hollywood. Algúns espectadores recordarán o clásico musical máis celebre con Judy Garland de 1954, pois se trata dunha nova versión da película de Wellman; e o público máis novo seguramente atope nela moito da oscarizada La La Land (2016).

Outros títulos que poderán verse no ciclo do CGAI son La llamada de la selva (1935), que se proxectará tamén en dobre sesión, o 28 de abril; e, xa nas vindeiras semanas, La reina de Nueva York (1937), Beau Geste (1939), Ciudad mágica (1947) e Cielo amarillo (1948).

25 de abril de 2017 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.