publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Mondoñedo verá mellorados os espazos públicos cun investimento da Xunta de 645.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondoñedo
A-
A+
Balseiro e a alcaldesa de Mondoñedo supervisan as actuacións da Xunta na localidade

Balseiro e a alcaldesa de Mondoñedo supervisan as actuacións da Xunta na localidade

O Goberno galego achega valor aos espazos públicos da localidade de Mondoñedo investindo máis 645.000 euros en distintas obras que permitirán tanto a mellora de diferentes prazas públicas do conxunto histórico desta localidade como a rehabilitación dun edificio emprazado no singular barrio dos Muíños.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado da alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, supervisaron esta mañá as actuacións que os distintos departamentos autonómicos desenvolven ou prevén desenvolver.

“Paga a pena seguir apostando por recuperar e remodelar estes espazos tradicionais da do casco histórico de Mondoñedo, pensando no maior beneficio para a veciñanza, pero tamén na recuperación do esplendor que sempre caracterizou a esta cidade” – insistiu o delegado territorial.

Rehabilitación do barrio dos Muíños

Así por exemplo, por unha banda, o delegado territorial explicou que o Diario Oficial de Galicia publicaba onte a licitación das obras de rehabilitación do edificio emprazado na Praza dos Muíños 26-28, no barrio dos Muíños en Mondoñedo.

Con esta obra de rehabilitación, que licita a Consellería de Infraestrutura e Vivenda, por importe de 465.680,47 euros, obteranse dúas vivendas rehabilitadas de catro e tres dormitorios respectivamente. O prazo de execución das obras é de 15 meses.

Entre as características construtivas do proxecto destaca a fachada con recebado de cal sobre pedra ou formigón, ventás exteriores de madeira de castaño ou pino, pavimentos interiores de baldosa de gres e tarima de madeira de carballo e cuberta de lousa con cravos de aceiro.

Plan Hurbe

Por outra parte, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, investirá uns 180.000 euros nas prazas da Catedral, dos Muiños de Arriba, Cruce de San Lázaro, de San Juan e de Noriega Varela.

As actuacións consistirán, basicamente, na execución dunha nova pavimentación a base de enlousado de pedra nas prazas descritas, ao tempo que tamén se renovará o mobiliario urbano con finalidade funcional e de adecuación estética ao contorno monumental.

En particular, no barrio dos Muíños o proxecto recollerá a proposta dos veciños de recuperar a praza devolvéndoa ao seu estado orixinal, segundo lle solicitaron ao concello.

O delegado territorial lembrou que as obras inscríbese no Plan Hurbe, que busca entre os seus obxectivos fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia.

27 de abril de 2017 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.