publicidade hoxe

Mondoñedo reunirá a un coro de rapaces para homenaxear aos poetas locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondoñedo
A-
A+

O concello de Mondoñedo acolleu esta mañá a presentación en rolda de prensa da nova edición de ‘No bico un cantar’, unha iniciativa promovida polo Consello da Cultura Galega e pola Consellería de Cultura e Educación que este ano reunirá no municipio lucense alumnos e alumnas dos conservatorios profesionais de música de toda Galicia para cantar os poetas locais. Os versos de Álvaro Cunqueiro, de Antonio Noriega Varela, de Xosé Díaz-Jácome, de Manuel Leiras Pulpeiro e de Aquilino Iglesia Alvariño son os protagonistas do repertorio musical e literario desta quinta edición da actividade, que culminará o 2 de xuño en Mondoñedo cun gran concerto final.

“Pero a importancia desta actividade non se restrinxe a ese día grande, no que os rapaces e rapazas de diferentes conservatorios van convivir durante toda a xornada”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación. “O interese desta actividade –precisou– reside, sobre todo, no traballo de fondo que, durante os meses previos, estes rapaces e rapazas están a realizar arredor dun repertorio musical e literario aínda moi descoñecido para eles e que consideramos fundamental que coñezan”.

Segundo explicou, con esta actividade teñen “a oportunidade de traballar as obras de grandes compositores de Galicia e de fóra, inspiradas nos versos de escritores galegos”; nesta ocasión, todos eles vinculados a Mondoñedo, para pechar, como xa é tradición, co Maio longo de Rosalía de Castro, musicado por Baldomir.

No concerto, o coro de nenos e de nenas estará acompañado polo quinteto de metais Hércules Brass, e baixo a batuta do director Maximino Zumalave, que tamén participou no acto de presentación do programa, xunto co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e mais coa alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia.

Un emblema na historia da literatura galega

A Secretaría Xeral de Cultura vén promovendo, xunto co Consello da Cultura Galega, o programa ‘No bico un cantar’ co convencemento de que esta cita anual coa música e coa literatura é un acontecemento moi positivo para os nenos e nenas que a protagonizan, pero tamén para a vida cultural das localidades que a acollen. Este ano, a vila na que se vai celebrar ese gran concerto final o día 2 de xuño é “todo un emblema na historia da literatura galega, porque Mondoñedo foi berce dalgúns dos grandes autores da nosas letras e marco dalgunhas das mellores páxinas da nosa literatura”, destacou Anxo Lorenzo.

As nenas e nenos que veñan do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, do Xan Viaño de Ferrol, do Xoán Montes de Lugo, do Conservatorio Profesional de Ourense, do Manuel Quiroga de Pontevedra, do Conservatorio de Santiago de Compostela, do Profesional de Vigo, da Escola Municipal de Música de Viveiro, de Ribadeo, de Mondoñedo e de Vilalba, da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela e do Coro de nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia “van coñecer Mondoñedo e van achegarse dunha maneira moi especial á cultura e aos tesouros desta vila”, concluíu.

O repertorio musical

Nesta quinta edición de ‘No bico un cantar’ interpretaranse seis pezas doutros tantos autores en versión para coro de nenos e sexteto de metais de Juan Durán para o Consello da Cultura Galega. Trátase dos poemas ‘No niño novo do vento’, de Álvaro Cunqueiro, e con música de Luis Emilio Batallán; ‘As froriñas dos toxos’, de Noriega Varlea, e musicado por Eduardo Toldrá; ‘O neno durmía’, de Xosé Díaz-Jácome, e música de Antonio Paz Valverde; ‘¡Non o sei!, de Manuel Leiras Pulpeiro e Nico Casal como compositor; e ‘Neniae’, de Aquilino Iglesia Alvariño e tamén musicado por Nico Casal. Coma en todas as edicións, o coro pechará o concerto coa interpretación de ‘Maio longo’, de Rosalía de Castro, e con música de José Baldomir.

De acordo co balance das últimas edicións, estímase unha participación de preto de 500 nenos e nenas dos conservatorios profesionais de música da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo; do coro Ángeles de Compostela da Escolanía da Catedral de Santiago; do Coro de nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia; e tamén están convidados os alumnos dos conservatorios profesionais de Viveiro e de Vilalba e das escolas de música municipais de Ribadeo e Mondoñedo.

‘No bico un cantar’ púxose en marcha por primeira vez no ano 2013, en homenaxe a Rosalía de Castro cando se cumprían os 150 anos do seu nacemento, e tivo lugar en Santiago de Compostela. Desde entón, as seguintes edicións estiveron dedicadas a Manuel Curros Enríquez (celebrada en Celanova), a Ramón Cabanillas (que tivo lugar en Cambados) e aos trobadores da lírica medieval galego-portuguesa (en Cangas).

19 de abril de 2017 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.